A Xunta salienta a súa aposta polo desenvolvemento sostible no encontro de Sober

A conselleira do Medio Rural participou hoxe na apertura de O encontro de Sober. Diálogos rural-industria, onde destacou a importancia de preservar a “singularidade” galega ao mesmo tempo que se avanza nos planos económicos, sociais e ambientais

Incidiu na importancia do traballo conxunto entre todos os axentes implicados neste encontro -industria, Administración e mundo académico- para impulsar a competitividade e o crecemento

Ademais, esta tarde o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración abordará o programa de atracción de talento impulsado pola Xunta, clave ante retos como a remuda xeracional ou o desafío demográfico, especialmente relevantes no rural

Tamén poñerá en valor o papel da Rede de polos de emprendemento, cinco deles situados na provincia de Lugo, como motores para a creación de novos proxectos, a fixación de poboación e a dinamización do territorio

Sober (Lugo), 8 de maio de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou esta mañá na inauguración de O encontro de Sober. Diálogos rural-industria, organizado polo Centro de Estudos Superiores de Galicia (Cesuga), que se está a celebrar entre hoxe e mañá nesta localidade lucense e ao que tamén asistiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte. Durante a súa intervención sinalou que o 95% do territorio galego é rural, unha “singularidade que temos que preservar”, avanzando ao mesto tempo cara un desenvolvemento sostible no plano económico, social e medioambiental.

Seguindo esta liña, louvou a importancia destes espazos nos que impera o diálogo, axeitados para “analizar a realidade do rural galego e o seu futuro”. Así, incidiu na importancia do traballo conxunto entre todos os axentes implicados neste encontro -industria, Administración e mundo académico- para impulsar a competitividade e o crecemento deste eido.

Asemade, destacou a potencia que supón o medio rural na economía da comunidade, configurando Galicia como referente en sectores como o leiteiro, o forestal, o vitivinícola ou a produción agroalimentaria certificada. Así, María José Gómez asegurou que o obxectivo do Goberno autonómico é “completar a cadea de valor” para que a riqueza destas materias primas quede en Galicia e salientou os avances realizados no sector lácteo, xa que actualmente a nosa comunidade transforma máis do 70 % do leite que se produce.

A titular de Medio Rural asegurou que Galicia ten a oportunidade de “crear o tecido industrial e un ecosistema de emprendemento” que demanda a sociedade actual: rendible, sustentable e moderno e incidiu en que o Goberno autonómico terá “a man tendida” para apoiar calquera proxecto que cumpra esas premisas.

Atracción de talento e pulo ao emprendemento no rural

Ademais, esta tarde o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, presentará as liñas mestras do programa de atracción de talento impulsado pola Xunta, no marco da folla de ruta deseñada polo Executivo autonómico para facer fronte a retos estruturais como a cobertura de vacantes —especialmente en sectores estratéxicos—, a necesaria remuda xeracional ou o desafío demográfico, cuestións particularmente determinantes para asegurar o desenvolvemento sostible e o futuro das zonas rurais de Galicia.

Así, xunto co iniciativas destinadas ao mercado laboral interno, o conselleiro detallará as accións estratéxicas orientadas a facilitar o retorno prioritario da diáspora galega mediante ferramentas como o programa Retorna Cualifica Emprego —integrado na Estratexia Galicia Retorna—, que promove a inserción sociolaboral dos galegos e galegas do exterior que desexan regresar á súa terra. No referido aos traballadores de terceiros países, tamén se destacarán os novos acordos asinados con catro países hispanoamericanos, orientados a reforzar as garantías tanto para as persoas traballadoras como para o tecido empresarial galego.

O conselleiro salientará, ademais, a aposta polo emprendemento ligado ao territorio que promove a Xunta a través da Rede de polos de emprendemento —cinco deles situados na provincia de Lugo—, espazos que están a ser motores para a creación de novos proxectos, moitos liderados por persoas retornadas. Todo isto compleméntase co impulso ao comercio local mediante o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, elemento chave para favorecer a dinamización económica e contribuír á fixación de poboación no rural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2025