Medio Rural destina máis de 1M€ en axudas para a subministración de froita fresca, castañas e leite aos centros escolares galegos durante o curso 25-26

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a correspondente resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria, adscrito á Consellería do Medio Rural

A medida beneficiará ao alumnado de infantil de segundo ciclo, primaria e secundaria poñendo á súa disposición produtos naturais dunha excelente calidade nutricional co obxecto de que adquiran hábitos de consumo saudables

Os centros escolares que queiran participar nos programas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro día 29 de setembro

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), adscrito á Consellería do Medio Rural, pola que se convocan para o curso 2025-2026 as axudas destinadas á subministración de froita fresca, castañas e leite ao alumnado dos centros escolares galegos, dotadas cun orzamento de algo máis de 1 millón de euros, financiados ao 100% con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga)

Os centros educativos que queiran participar nos programas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro día 29 de setembro. Poderán acceder a estas axudas os centros escolares de educación infantil, primaria e secundaria (incluíndo a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional básica e de grao medio).

Cada ano, máis de 80.000 de alumnos e alumnas galegos consumen froita e leite durante o recreo nos centros escolares onde estudan grazas a estas axudas que xestiona o Fogga. En concreto, as achegas dispoñibles para o vindeiro curso escolar superan os 373.978,84 euros no apartado do leite e os 634.362,67 euros no caso da froita, sumando así un orzamento conxunto de 1.008.341,51 euros.

Haberá dous períodos de repartición autorizados, de novembro de 2025 a febreiro de 2026 e de marzo a xuño do vindeiro ano. En cada período, a distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos, mentres no caso do leite líquido terá lugar durante un mínimo de 10 días lectivos seguidos.

A través desta liña de subvencións, a Consellería do Medio Rural pretende potenciar o consumo de froita e leite entre os nenos e nenas e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250828/AnuncioG1534-140825-0001_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2025