A Xunta amosa o potencial da I+D+i galega nun congreso internacional en Suecia sobre innovación
Esta cita de referencia, organizada pola Asociación Europea para a Educación Internacional, acollerá a máis de 250 organizacións de 100 países
A participación galega, liderada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, enmárcase na campaña de atracción de talento da Xunta a nivel internacional
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2025
Diferentes axentes da I+D+i galega asistirán a 35ª edición do Annual EAIE Conference and Exhibition da Asociación Europea para a Educación Internacional que se celebrará do 9 ao 12 de setembro en Gotemburgo (Suecia). A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP lidera a delegación galega participante na feira a través da Axencia Galega de Innovación.
Concretamente, Galicia conta cun expositor institucional na feira no que estarán representadas a Xunta de Galicia, as tres universidades públicas galegas e os centros tecnolóxicos que forman parte da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA). Galicia será das poucas comunidades autónomas que contarán cunha delegación propia, reforzando o posicionamento da Comunidade en educación, en ciencia e en innovación.
O Congreso da EAIE reúne cada ano a organizacións de máis dunha centena de países e na última edición acolleu a máis de 7.000 visitantes. Nesta edición, máis de 250 institucións –entre elas universidades, axencias estatais, departamentos de educación e outros axentes do sistema global de I+D+i– poderán participar no deseño do futuro da educación e explorar oportunidades de colaboración, así como alianzas no eido da ciencia.
O talento investigador galego
A participación galega nesta cita internacional enmárcase na campaña de proxección internacional do Goberno galego que busca difundir as capacidades e oportunidades do sistema universitario e do ecosistema de I+D+i de Galicia e favorecer a atracción de talento á nosa rexión, como sinala o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
No que vai de ano, representantes galegos xa participaron na feira Science for Industry en Madrid, no evento anual da Sociedade de Investigadores Españoles en Francia (SIEF) en Paris, nas Feiras de Emprego de Bos Aires e Montevideo, no Foro Transfiere celebrado en Málaga, na XII Edición da Conferencia Anual da Marie Curie Alumni Association (MCAA) en Cracovia, no III Encontro ACEBRA da Asociación de Científicos Españois en Brasil, no XII SRUK/CERU International Symposium organizado pola Sociedade de Investigadores Españois no Reino Unido e no 5th Open Forum de Connects-UK.