Medio Rural convoca achegas para o fomento da utilización de instalacións de equipamentos en común cun orzamento de 410.000 euros neste 2025
Poden solicitalas aquelas cooperativas agrarias formadas por persoas titulares de explotacións agrarias
O seu obxectivo é contribuír á adaptación ao cambio climático e á súa mitigación, a través da redución dos gases de efecto invernadoiro e impulsando a xestión eficiente de recursos como a auga e o solo
O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes a partir de mañá, día seguinte á publicación
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das achegas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo. Estas axudas contan cun orzamento de 410.000 euros para este 2025 e poderán solicitalas aquelas cooperativas agrarias formadas por persoas titulares de explotacións agrarias.
A través desta convocatoria búscase contribuír á adaptación ao cambio climático e á súa mitigación, a través da redución dos gases de efecto invernadoiro e mellorando a captura de carbono, ao mesmo tempo que se promove a enerxía sostible. A maiores, impúlsase o desenvolvemento sostible e a xestión eficiente dos recursos naturais como a auga, o solo e o aire, reducindo a dependencia química.
Deste xeito, serán elixibles os investimentos materiais e inmateriais que supoñan unha mellora do rendemento global, a competitividade ou a viabilidade das explotacións; como a reforma ou construción de instalacións que supoñan a mellora das condicións agroambientais, hixiénico-sanitarias e de benestar dos animais; a compra de construcións agrarias en desuso; os investimentos para a xestión eficiente dos recursos auga, solo e aire e en medidas de bioseguridade, entre outros.
As achegas contan cun carácter plurianual e están cofinanciadas nun 60 % co Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural, nun 12 % pola Administración Xeral do Estado e nun 28 % pola Xunta de Galicia. Así, o orzamento para o ano 2026 será de 1,64 millóns de euros e de preto de 4,1 millóns para 2027.
O importe da axuda será do 40 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 65 % en función da aplicación de diferentes criterios. En todo caso, a contía máxima da axuda establécese en 3 millóns de euros.
O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes a partir de mañá, día seguinte á publicación no DOG.
Ligazón ao DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250908/AnuncioG0426-250825-0001_gl.html