A conselleira María José Gómez visitou hoxe o viveiro Os Trollos, situado na localidade lucense de Bóveda e no que a Xunta está traballando para mellorar o seu uso público
Medio Rural destaca o papel da divulgación na conservación da riqueza forestal de Galicia
A titular da Consellería explicou que as actuacións en marcha consisten fundamentalmente na creación e acondicionamento dun sendeiro que os visitantes poderán percorrer para coñecer todos os recursos que ofrecen as instalacións
O investimento nos Trollos sitúase nos 300.000 euros, dentro dun plan máis amplo que inclúe tamén intervencións semellantes no viveiro de Santa Cruz, en Oleiros, ata chegar ao medio millón de euros de orzamento total
Bóveda (Lugo), 26 de setembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a importancia da divulgación da riqueza forestal de Galicia como elemento clave para o seu coñecemento e conservación. Foi durante a súa visita ao viveiro Os Trollos, situado no concello lucense de Bóveda e no que se están levando a cabo traballos de acondicionamento para facilitar e fomentar o seu uso público.
A conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e polo alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, lembrou que hai aproximadamente un ano avanzaba neste mesmo viveiro unhas actuacións que agora están en marcha. Estes labores consisten, fundamentalmente, na creación e acondicionamento dun sendeiro para os visitantes e dan continuidade aos traballos previos de silvicultura nas masas forestais existentes.
Así, estanse a deseñar e construír as sendas que atravesan o bosque, poñendo en valor os moitos ecosistemas típicos de Galicia que están representados, desde as fragas ás carballeiras, pasando polas plantacións produtivas de castiñeiros, entre outros. Tamén se van plantar os tipos de bosque que non hai nos Trollos, en especial o máis mediterráneo, con especies como a sobreira ou a aciñeira, salientando os seus usos e beneficios.
Asemade, vanse adecuar charcas para anfibios como parte fundamental dos ecosistemas forestais, tendo en conta que a presenza destes animais é un indicador dun ecosistema san. O conxunto completarase coa instalación da correspondente sinalética e explicacións sobre a ruta, así como mesas e bancos para o público.
O investimento nos Trollos sitúase nos 300.000 euros, dentro dun plan máis amplo que inclúe tamén intervencións semellantes no viveiro da Xunta en Santa Cruz, na localidade coruñesa de Oleiros, ata chegar ao medio millón de euros de orzamento total.
Vínculo coa sociedade
Con esta iniciativa, segundo sinalou a conselleira, trátase de facilitar o percorrido polas distintas masas e de cumprir así as especificacións do Plan Forestal de Galicia referidas á información, divulgación e comunicación sobre o territorio, os recursos e a xestión forestal, para estimular un vínculo ou achegamento positivo e duradeiro coa sociedade.
Desta forma, tal e como indicou Gómez, formalízase a aposta de Medio Rural pola recuperación dos antigos viveiros forestais, con dous obxectivos principais. Por un lado, producir planta de calidade que cubra as necesidades das administracións públicas, e por outro dispor de parcelas de alto valor xenético para conservar estes recursos. A finalidade é, pois, crear sinerxías entre divulgación, conservación e fomento desta riqueza.
De feito, cómpre lembrar que Os Trollos ofrece distintas e variadas masas de especies forestais e tamén algunhas de carácter máis ornamental. Así, nas súas 30 hectáreas de superficie, este viveiro dispón dun horto de sementes de Pinus Pinaster, especialmente apropiadas para as zonas interiores de Galicia. Cóntase tamén cunha colección de cerdeiras procedentes do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, entre outros recursos.