A Xunta detecta un novo foco de gripe aviaria en aves silvestres en Moaña

Corresponde a un exemplar de gaivota patiamarela (Larus michahellis) recollida no concello pontevedrés de Moaña e trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático de Cerdedo-Cotobade

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2025

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de ave silvestre afectado por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Trátase dunha gaivota patiamarela atopada no concello de Moaña (Pontevedra), e que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade. A ave foi mostrexada para proceder á análise laboratorial, eliminándose o cadáver conforme á normativa en vigor. Este caso é o noveno en aves silvestres confirmado na nosa Comunidade no ano 2025.

Actualmente en Galicia non hai medidas especiais de restrición, agás as de prevención sanitaria aplicables aos concellos que pertencen ás denominadas Zonas de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa na provincia de Pontevedra; Cerceda, Ordes e Tordoia na provincia de A Coruña; e Xove na de Lugo), medidas relacionadas fundamentalmente coas condicións de cría de aves ao aire libre e á celebración de concentracións de aves. Dependendo da evolución da situación epidemiolóxica, revisada semanalmente en base a indicadores de risco epidemiolóxicos, estas medidas poderían modificarse e/ou estenderse a outras zonas.

Prevención sanitaria

Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, desde a Consellería do Medio Rural vólvese insistir na importancia de reforzar as medidas de bioseguridade das nosas explotacións avícolas, tanto das industriais como das familiares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia  das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese levar a cabo a través do teléfono de atención á cidadanía 012.

Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten demostrado un escaso carácter zoonótico, aínda que por un principio básico de bioseguridade, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Situación en España

Coa notificación do primeiro foco en aves de curral, detectado en Estremadura en xullo deste ano, España perdeu o status de país libre de Influenza aviaria, o que tivo como consecuencia a adopción por parte dalgúns países terceiros de restricións ás exportacións de aves e produtos de orixe aviaria, situación que continúa na actualidade, xa que nesta semana notificáronse dous focos en granxas de galiñas poñedoras. Con respecto á notificación deste foco en Galicia, ao tratarse de aves silvestres, non supón restricións adicionais ás que estaban en vigor.

Data de actualización: 17/10/2025