Medio Rural reforza as accións de formación e sensibilización sobre incendios forestais coa participación de máis de 1.000 escolares de Ourense
As accións formativas que se desenvolveron en Ourense foron en centro educativos dos concellos de Castro Caldelas, O Barco de Valdeorras, Ourense e A Pobra de Trives
Impartíronse relatorios divulgativos e de autoprotección, así como talleres formativos e prácticos con exhibicións de manobras con brigadas e autobombas
Algunhas accións incluíron visitas a zonas afectadas polos incendios forestais deste verán, aos distritos forestais e a bases que se atopan preto dos centros, nas que lles explicaron os labores que se realizan dende estes lugares
Estas accións ampliaranse e integraranse nun programa específico, tal e como avanzou a conselleira no Parlamento
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2025
A Consellería do Medio Rural reforza as accións de formación e sensibilización sobre incendios forestais coa participación de máis de 1.000 escolares da provincia de Ourense. O obxectivo que se persegue con estas iniciativas é concienciar aos máis cativos sobre a importancia da prevención dos incendios forestais, así como para dar a coñecer o traballo que realiza o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) e as instalacións existentes na nosa comunidade. De feito, estas accións ampliaranse e integraranse nun programa específico, tal e como avanzou a conselleira no Parlamento.
As accións formativas que se levaron a cabo na provincia de Ourense tiveron lugar en centros educativos dos concellos de Castro Caldelas, O Barco de Valdeorras, Ourense e A Pobra de Trives. A maiores, tamén se organizaron iniciativas con alumnado de ciclos formativos e universitarios.
As charlas que se impartiron foron moi diversas e adecuáronse á idade do alumnado que as recibiu. Por unha banda, leváronse a cabo relatorios divulgativos e de autoprotección, co fin de que os cativos poidan coñecer como actuar en caso de detectar un incendio forestal. Realizáronse tamén talleres formativos e prácticos con exhibicións de manobras con brigadas e autobombas.
Participación nas tarefas de mulching
Algunhas accións incluíron visitas a zonas afectadas polos incendios forestais deste verán e aos distritos forestais que se atopaban preto dos centros educativos, nas que lles explicaron os labores que se realizan dende estes lugares. Neste sentido, o alumnado puido coñecer en primeira persoa as tarefas de mulching que está a realizar a Consellería do Medio Rural e participar nelas.