As conselleiras do Medio Rural e de Medio Ambiente e Cambio Climático reuníronse coas organizacións profesionais agrarias para abordar esta cuestión
A Xunta reclama ao Goberno central unha sectorial específica e máis coordinación nas medidas sobre a Peste Porcina Africana
O Goberno galego pide a participación dos ministerios de Agricultura e de Transición Ecolóxica nesa reunión coas comunidades autónomas, para coordinar a nivel nacional as actuacións en relación coa loita contra esta doenza
María José Gómez avogou por defender a rexionalización nas exportacións porcinas e por reforzar e aumentar a bioseguridade nas granxas, así como a desinfección de vehículos
Ángeles Vázquez lembrou que está vixente a emerxencia cinexética na comunidade para controlar a poboación de xabaril, que xunto a outras medidas permitiu capturar preto de 92.000 exemplares en cinco anos
O Executivo galego transmite unha mensaxe de tranquilidade e confía en que as actuacións en Galicia, así como as que se decidan a nivel nacional, permitan minimizar a propagación e o impacto desta enfermidade no conxunto do país
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025
A Xunta solicita ao Goberno Central a convocatoria inmediata dunha Conferencia Sectorial específica e conxunta, con participación dos ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, para coordinar a nivel nacional as actuacións en relación coa Peste Porcina Africana (PPA), co obxectivo final de que sexan homoxéneas naquelas cuestións comúns a todas.
Así o trasladaron as conselleiras do Medio Rural, María José Gómez, e de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, tras manter esta mañá unha reunión cos responsables das organizacións profesionais agrarias, co fin de informalos sobre a situación e pedirlles colaboración para transmitir ao sector a necesidade de intensificar as medidas de bioseguridade nas explotacións e nos transportes.
A conselleira do Medio Rural sinalou que esta demanda dunha reunión específica xa se vén de facer de xeito formal, por carta aos dous ministros, e esta mesma tarde se lle trasladará de novo ao ministro Planas na reunión habitual entre todas as comunidades autónomas co Ministerio, xa fixada con anterioridade á aparición dos focos.
Nesta liña, Gómez incidiu en defender a rexionalización como criterio nas exportacións de porcino. Así, sinalou que “é moi importante que o Goberno de España insista na rexionalización. Hai que negociar como se fixo no caso de China”. Ao tempo, remarcou a importancia de reforzar e aumentar a bioseguridade nas granxas, de realizar en profundidade a desinfección de vehículos, e ao mesmo tempo pediu precaución para as explotacións de autoconsumo.
Sobre a evolución da doenza, Gómez trasladou unha mensaxe de tranquilidade e confía en que se poida conter na zona na que está delimitada nestes momentos en Cataluña. En calquera caso, se finalmente chegara a Galicia, a Xunta está preparada, cun plan de actuación específico, como tamén existe para outras enfermidades do gando. Cómpre lembrar tamén que a Consellería ten un programa de vixilancia para esta enfermidade desde hai máis de 15 anos, que se está aplicando e reforzando.
Control cinexético
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou que a situación actual exixe unha actuación coordinada e altura de miras, pois trátase dun problema común no conxunto do Estado español. Expuxo a súa confianza en que nesta ocasión o Goberno central fuxa dos criterios ideolóxicos contra á caza, pois é o principal instrumento de xestión para controlar as poboacións de xabaril e hipotéticos casos de transmisión da enfermidade a través deles.
Nesta liña, lembrou que a Xunta xa adoptou medidas para o control desta especie silvestre como a declaración da emerxencia cinexética ou a autorización da súa captura durante case todo o ano mediante distintas fórmulas adicionais ao período ordinario de caza e á propia emerxencia cinexética. De feito, incidiu en que foi unha medida que se adoptou por primeira vez en 2019 e, tralo recurso dunha organización ecoloxista, foi avalada pola Xustiza autonómica.
De feito, Ángeles Vázquez lembrou que iso permitiu que nos últimos cinco anos se cazasen na comunidade preto de 92.000 exemplares e que a maioría dos Tecores existentes en Galicia -máis de 100- superasen con autorización da Xunta as capturas inicialmente permitidas desta especie.
As dúas conselleiras manifestaron a súa confianza en que as actuacións que se levan a cabo en Galicia, así como as que se decidan a nivel nacional, permitan minimizar a propagación e o impacto desta enfermidade animal no conxunto do país.