A Xunta pon de relevo os 10 anos que cumpre o programa ‘Galicia Camiño Emprendedor’ co gallo de darlle un pulo ao traballo por conta propia

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais percorreu hoxe parte da última etapa da edición de 2025 desta iniciativa autonómica de mentorización, que concluíu cun acto en Santiago de Compostela para conmemorar o seu décimo aniversario

Pablo Fernández destacou a fase de achegas na que se atopa a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio e puxo en valor ferramentas como a Rede de polos que leva atendido arredor de 5.300 proxectos nas súas 15 oficinas

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, percorreu hoxe parte da última etapa da edición de 2025 do programa da Xunta Galicia Camiño Emprendedor, que concluíu cun acto en Santiago de Compostela para conmemorar o décimo aniversario desta iniciativa que combina mentorización para persoas emprendedoras cunha experiencia compartida no Camiño de Santiago, ao tempo que contribúe á promoción de Galicia e da Ruta Xacobea como destino de lecer e actividade económica. Na recepción tamén participou o director da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa.

Fernández destacou que o programa —impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración con Turismo de Galicia e coa Fundación Ronsel— se basea na metodoloxía da mentorización, fundamentada na relación de confianza entre a persoa mentora e a emprendedora. Trátase dunha fórmula pola que aposta o Goberno galego para desenvolver o potencial de cada participante, facilitando o acompañamento continuo, o intercambio de coñecemento e a creación de redes de contacto profesional que favorezan o fortalecemento e crecemento dos proxectos.

O secretario xeral aproveitou para salientar que a Xunta continuará reforzando programas como Galicia Camiño Emprendedor no marco da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, da que se veñen de presentar as liñas mestras no I Congreso Ultreia Galicia co gallo de buscar as achegas do sector, ao tempo que se promoveu unha rede de fomento do emprendemento que se baseará na colaboración público-privada co obxectivo de que calquera persoa, en calquera parte de Galicia, poida acceder á formación, acompañamento ou ao financiamento necesario para o seu proxecto.

Ao abeiro desa futura Estratexia, o representante autonómico resaltou que se seguirá impulsando tamén a Rede de polos de emprendemento, que leva atendido nas 15 oficinas da Comunidade arredor de 5.300 iniciativas empresariais. Por sectores, predominan os servizos (17 %), seguidos do comercio (16 %) e da hostalaría (15 %). Coas persoas que acudiron á Rede (58 % mulleres e 42 % homes) realizáronse máis de 15.600 titorías, tanto de xeito presencial como telemáticas.

Canto ás convocatorias de apoio, Pablo Fernández puxo de relevo a orde unificada de axudas ao colectivo autónomo que se reeditará o vindeiro ano cunha dotación próxima aos 41 millóns de euros, que —como novidades— elevará o Bono Remuda ata os 1,5 millóns de euros e estenderá a cota cero para novas altas ata os 24 meses para quen se inicie en calquera sector asociado á agricultura, á gandaría e á silvicultura, co fin de dinamizar e fixar poboación no rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2025