O Servizo Galego de Saúde publica a relación de admitidos no concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal sanitario

En total, resultaron admitidas provisionalmente 28.088 persoas para un total de 887 prazas

A categoría con maior número de aspirantes admitidos é a de técnico en coidados auxiliares de enfermería (9.253), seguida da de enfermería (8.345)

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se dá a coñecer a relación provisional de admitidos e excluídos, así como os exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal sanitario non facultativo e de xestión e servizos.

Nestes procesos selectivos ofértanse un total de 3.887 prazas, das cales 1.980 corresponden á categoría de enfermeira, 128 a enfermería familiar e comunitaria, 69 a enfermería obstétrico-xinecolóxica, 60 a enfermería pediátrica, 3 a enfermería de medicina do traballo, 1.306 á de técnico en coidados auxiliares de enfermería, 38 á de técnico en farmacia, 67 á técnico superior en imaxe para o diagnóstico e 236 á de persoal de servizos xerais.

Nas categorías de persoal de servizos xerais, técnico en coidados auxiliares de enfermería e técnico en farmacia convocáronse prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Resultaron admitidos, con carácter provisional, un total de 28.088 aspirantes, 625 pola quenda de promoción interna, 26.067 pola de acceso libre, 1.280 pola de discapacidade xeral e 116 pola de discapacidade intelectual.  

Da totalidade das persoas admitidas provisionalmente, a categoría con maior número de aspirantes admitidos é a de técnico en coidados auxiliares de enfermería (9.253), seguida da de enfermería (8.345).

Do total de admitidos, o 89 % están exentos de realizar a proba de lingua galega por estar en posesión do correspondente certificado oficial acreditativo do nivel de coñecemento de lingua galego que lle dá dereito a mencionada exención.

As listas coa relación provisional de admitidos e excluídos e os aspirantes exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, atópanse publicadas, ao dispor dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

Os aspirantes excluídos e os non exentos do exercicio de lingua galega, así como os que tendo presentado correctamente a solicitude de participación no proceso non consten como admitidos nin excluídos na relación publicada, dispoñen de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, é dicir, do 16 ao 29 de xaneiro, para presentar reclamación dirixida á mesma unidade de validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión ou a declaración de non exención do exercicio de galego.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

 

 

 

Data de actualización: 15/01/2026