O conselleiro de Sanidade e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, asinaron un convenio de colaboración para a implantación destes estudos
O Servizo Galego de Saúde acollerá nos seus centros asistenciais 44 alumnos dos ciclos superiores de FP dual de técnico superior en dirección de cociña e de laboratorio clínico e biomédico
Gómez Caamaño cualifica este acordo como estratéxico para a sanidade pública, nun contexto no que se precisan profesionais ben preparados e con coñecemento directo da contorna asistencial
O titular de Sanidade subliña que unha parte moi relevante da formación se levará a cabo en contornas asistenciais reais, en contacto directo coa práctica asistencial diaria
Destaca o papel docente dos profesionais do Sergas e a súa implicación na formación das novas xeracións
Román Rodríguez destacou que estes convenios teñen como obxectivo reforzar a colaboración na formación práctica do alumnado en centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026
O Servizo Galego de Saúde acollerá nos seus centros asistenciais a 44 alumnos, 22 por cada un dos dous ciclos superiores de Formación Profesional dual de técnico superior en dirección de cociña, e de laboratorio clínico e biomédico, nos centros CIFP Manuel Antonio de Vigo e do CIFP Ánxel Casal-Montealto da Coruña.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a implantación destes estudos.
O titular da carteira sanitaria subliñou que esta colaboración é valiosa para Educación, xa que garante unha experiencia formativa de máximo nivel, desenvolvida nun sistema sanitario público moderno, esixente e recoñecido pola súa calidade.
Ao mesmo tempo, é un acordo estratéxico para a sanidade pública -proseguiu Gómez Caamaño- nun contexto no que se precisan profesionais ben preparados, con coñecemento directo da contorna asistencial e capacidade para incorporarse no futuro con plena competencia.
Así mesmo lembrou que, xa o pasado ano, ambas as consellerías puxeron en marcha a FP Dual para técnicos superiores en imaxe para o diagnóstico e medicina nuclear nos centros do Sergas e considerou unha boa nova a consolidación deste camiño con novas titulacións.
Pola súa parte, Román Rodríguez destacou que estes convenios teñen como obxectivo reforzar a colaboración na formación práctica do alumnado en centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde. Os acordos permitirán desenvolver o ciclo de Técnico Superior en Laboratorio Clínico Biomédico no Centro Integrado de FP Ánxel Casal – Monte Alto e o de Técnico Superior en Dirección de Cociña no Centro Integrado Manuel Antonio.
Ambos convenios entrarán en vigor na data da súa sinatura e estenderanse ata a finalización dos proxectos formativos, con efectos retroactivos desde o 1 de setembro de 2025.
No caso do ciclo de Laboratorio Clínico Biomédico, o Sergas acollerá 22 alumnos que completarán un total de 2.000 horas de formación entre os cursos 2025/26 e 2026/27, das que o 65 % se desenvolverán no centro educativo e o 35 % no ámbito laboral.
Pola súa banda, no ciclo de Dirección de Cociña tamén participarán 22 estudantes, cun programa formativo de 2.000 horas, distribuídas nun 63 % no centro e nun 37 % no lugar de traballo. Estes acordos reforzan a aposta da Xunta por unha FP Dual de calidade, adaptada ás necesidades reais do sistema sanitario e orientada a mellorar a empregabilidade do alumnado a través dunha formación práctica e especializada.
Contacto directo coa práctica asistencial
Gómez Caamaño explicou que o modelo de Formación Profesional que se propón contempla que a ensinanza se reparta entre o centro educativo e o ámbito asistencial, e no que o Sergas asumirá o 44 % das horas totais que integran o currículo destes ciclos, o que significa que unha parte moi relevante da formación se vai levar a cabo en contornas asistenciais reais, en contacto directo coa práctica asistencial diaria.
Tal e como detallou o conselleiro de Sanidade, o alumnado conforma dúas áreas estratéxicas, a dirección de cociña, que resulta esencial para garantir unha alimentación hospitalaria segura, equilibrada e adaptada ás necesidades clínicas; e o laboratorio clínico e biomédico, clave para o diagnóstico e seguimento das enfermidades.
As dúas formacións desenvolveranse cun plan específico en cada centro, adaptado ao seu currículo oficial, e terán acceso á servizos e prestacións da biblioteca virtual do Sergas (Bibliosaúde). Así mesmo, o alumnado contará tamén cun titor cualificado, que os guiará na súa aprendizaxe.
Gómez Caamaño puxo en valor o papel docente dos profesionais do Sergas e a súa implicación na formación das novas xeracións e, por iso, o departamento sanitario recoñece as horas dedicadas ás funcións de titorización.
A incorporación do alumnado realizarase entre o 1 de maio e o 31 de xullo no presente curso, e no vindeiro curso entre o 1 de febreiro e o 31 de xullo de 2027.
Con esta colaboración, refórzase un modelo de formación máis práctico e máis conectado coa realidade, e con maiores oportunidades laborais para a mocidade, ademais de fortalecer o sistema sanitario incorporando talento, concluíu Gómez Caamaño.