Medio Rural reforzará os controis para vixiar a renovación de contratos do leite e reclama corresponsabilidade ás industrias no futuro do sector

Así o anunciou a conselleira tras unha reunión con UUAA para avaliar as contratacións que se van facer en vindeiros días nun contexto caracterizado pola entrada de excedentes de leite da UE a baixo prezo e unha suba dos custos de produción

María José Gómez adiantou tamén que se realizarán novas accións para supervisar a etiquetaxe do leite co fin de detectar posibles incumprimentos con respecto á orixe

Solicitarase ao Goberno central que realice tamén un seguimento exhaustivo destes contratos para facer cumprir a lei da cadea alimentaria e que, ante o conflito xerado en Oriente Medio, reduza os impostos na enerxía, gasóleo, plásticos e fertilizantes

Para a semana que vén está prevista unha reunión coas principais industrias lácteas de Galicia e, en días posteriores, coas cadeas de distribución, para pedirlles corresponsabilidade co fin de seguir fortalecendo este sector

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2026

A Consellería do Medio Rural reforzará os controis co fin de vixiar a renovación de contratos do leite para asegurar a sustentabilidade de todo o sector, en especial dos produtores. Así o anunciou hoxe a titular deste departamento, María José Gómez, despois de manter unha xuntanza con representantes de Unións Agrarias, na que avaliaron as novas contratacións que se asinarán nas vindeiras semanas, nun contexto caracterizado pola entrada en España de excedentes de leite da Unión Europea a baixo prezo; así como polo incremento dos custos de produción derivados do conflito en Oriente Medio.

Neste encontro, no que tamén estivo presente o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, a Consellería comprometeuse a, no marco deste novo plan de control, supervisar o contido dos contratos que están a piques de ser asinados para verificar que seguen de xeito escrupuloso o disposto na lexislación. A maiores, realizaranse novas accións para verificar a trazabilidade do leite e detectar así posibles incumprimentos no etiquetado respecto á súa orixe.

Neste sentido, Gómez puxo en valor a calidade do leite galego, tal e como acredita o selo Galega 100%. Lanzou tamén unha mensaxe aos consumidores, porque “somos todos os que temos que apoiar aos nosos gandeiros e agricultores” e incidiu na importancia de “mercar produtos orixe Galicia, que sabemos que teñen a mellor calidade e é a mellor maneira de apoiar ao sector produtor”.

Esixencias ao Goberno central

Do mesmo xeito, María José Gómez adiantou que se lle instará ao Goberno central para que, a través da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), realice unha inspección exhaustiva dos contratos do leite ante a súa renovación, para facer cumprir así a lei da cadea alimentaria. Tamén se solicita a intervención da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) para avaliar unha posible competencia desleal dos excedentes que están entrando a España doutros países da UE.

A maiores, e tal e como xa avanzara o presidente da Xunta esta mesma semana, cómpre que o Goberno central convoque ás comunidades autónomas e valore que medidas tomar neste contexto, especialmente a nivel fiscal. En concreto, a conselleira reclamou unha redución dos impostos na enerxía eléctrica, o gasóleo, os plásticos e os fertilizantes, co fin de paliar as implicacións que está a ter esta situación no sector agrogandeiro.

As diferentes medidas anunciadas hoxe pola Consellería levaranse a cabo de xeito prioritario e inmediato, sobre todo porque o Goberno galego non defenderá nin apoiará unha baixada nos prezos que perciben os gandeiros, especialmente neste contexto. “Non podemos entender unha baixada pronunciada”, manifestou María José Gómez.

Deste xeito, para a vindeira semana están previstos encontros coas principais industrias lácteas de Galicia e, en días posteriores, coas cadeas de distribución. Nestas reunións exporanse as medidas que se van desenvolver por parte da Consellería do Medio Rural e apelarase á corresponsabilidade de todos os axentes da cadea de valor para garantir o futuro do rural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2026