O programa Doutoramentos Industriais da Xunta facilita que 43 investigadores da USC realicen a súa tese en empresas
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visita a empresa Vimbio Corp, onde un doutorando investiga para mellorar a tecnoloxía LED
A convocatoria de 2026 desta liña de axudas, que apoia a contratación de persoas doutorandas por empresas e centros tecnolóxicos, pecha hoxe o prazo de solicitude
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2026
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou hoxe as instalacións da empresa Vimbio Corp en Santiago de Compostela, para coñecer a investigación que está a levar a cabo a empresa co apoio do programa de Doutoramentos Industriais 2025 da Xunta de Galicia. Desde a posta en marcha desta iniciativa son xa 43 as persoas que realizaron a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Vimbio Corp, empresa galega de base tecnolóxica, está centrada no deseño, desenvolvemento e fabricación de solucións innovadoras en ámbitos como a iluminación LED, a tecnoloxía electrónica, os produtos sanitarios e a comunicación. En concreto, a compañía contratou ao doutorando Pablo Rodeiro Otero para desenvolver a súa tese centrada no desenvolvemento de solucións lumínicas con tecnoloxía LED para o control da colonización por plantas en estruturas e monumentos urbanos, en colaboración coa USC.
A investigación permitirá analizar o efecto de diferentes parámetros da iluminación, como a temperatura de cor, a intensidade ou o tempo de exposición, co fin de limitar o crecemento de especies vexetais que provocan deterioro no patrimonio. O proxecto aposta así por unha solución sostible, eficiente e non invasiva, que contribúa á conservación preventiva dos bens patrimoniais, ao tempo que integra criterios ambientais, de eficiencia enerxética e de mellora da calidade de vida da cidadanía.
Durante a visita, a directora puido coñecer ademais outros proxectos de innovación que a compañía desenvolve no ámbito da tecnoloxía e da iluminación intelixente. Vimbio Corp conta cunha traxectoria consolidada na participación en proxectos de investigación aplicada e desenvolvemento experimental, destacando o seu traballo en solucións de iluminación intelixente, eficiencia enerxética e tecnoloxías adaptadas a distintos perfís de usuario.
Así mesmo, a empresa participa en iniciativas de colaboración con axentes do sistema de coñecemento, contribuíndo á transferencia de resultados de investigación cara a aplicacións prácticas en contornos reais.
Fin do prazo de solicitude
Precisamente hoxe pecha o prazo de solicitude da convocatoria 2026 do programa de Doutoramentos Industriais. Esta orde de axudas permite a contratación de persoas doutorandas para desenvolver a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos galegos, promovendo a transferencia de coñecemento entre universidades e tecido produtivo e favorecendo a incorporación de persoal investigador altamente cualificado nas organizacións.
Desde a súa posta en marcha, o programa leva apoiados 76 doutoramentos industriais cun investimento público acumulado superior aos 10 millóns de euros, contribuíndo á captación de talento investigador e ao fortalecemento do ecosistema galego de innovación.