A Consellería do Medio Rural promociona o selo artesanía alimentaria nunha xornada con produtores no marco dos premios Dalle Like
O evento contou coa participación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que reuniu a produtores amparados baixo este distintivo para poñer en valor as bondades deste selo e compartir co público a súa experiencia
Lugo, 28 de abril de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe no evento Abrimos Boca, impulsado ao abeiro dos premios Dalle Like, que recoñecen o talento na contorna dixital e nas redes sociais e que tivo lugar hoxe na cidade de Lugo. Esta xornada, que contou coa participación da Consellería do Medio Rural, reuniu a produtores amparados baixo o selo de Artesanía Alimentaria, que puxeron en valor as bondades deste distintivo de calidade diferenciada e compartirán co público a súa experiencia.
Martín Alemparte destacou que Artesanía Alimentaría é un distintivo moi recoñecido, xa que se constitúe como unha importante vantaxe competitiva que aporta un gran valor engadido. Actualmente hai vixentes 27 normas técnicas, nas que se recollen os requisitos que debe respectar un produto para ser considerado artesán, 146 empresas inscritas e 266 persoas coa condición de artesáns.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria está a participar cos premios Dalle Like co obxectivo de fomentar o coñecemento da calidade diferenciada neste tipo de soportes e chegar así a máis consumidores. De cara á gala de entrega dos galardóns, a Axencia entregaralle un lote de produtos de Artesanía Alimentaria aos gañadores das diferentes categorías. Esta gala final contará tamén cunha degustación de produtos deste mesmo selo; ademais de promocionar aqueles amparados pola IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.