A Xunta pon en valor en Muros o programa de prevención de riscos laborais posto en marcha por Fundamar para as agrupacións de marisqueo a pé
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde no acto organizado pola fundación co gallo do inicio deste programa de exercicios terapéuticos en Muros e Noia, que segue a estela do traballo do Issga a prol do sector
Muros (A Coruña), 6 de maio de 2026
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde no acto organizado pola Fundación Fundamar co gallo do inicio en Muros e Noia do seu programa de exercicios terapéuticos dirixido ás agrupacións de marisqueo a pé. Destacando que segue a estela do traballo a prol do sector desenvolvido polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Fernández puxo en valor que a iniciativa aposte polos hábitos preventivos para o coidado e a mellora da saúde laboral, por fomentar a sensibilización e concienciación sobre a importancia do estado de saúde xeral e, en definitiva, por mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas profesionais do marisqueo a pé en Galicia.
Na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, o Issga inclúe entre os seus obxectivos estratéxicos o de intensificar as actuacións dirixidas a sectores con riscos especiais como o marisqueo, incidindo en actividades con tradición en Galicia. Mentres, no seu Plan de acción de 2026, inclúense accións que promoven e asesoran sobre alimentación saudable, sobre a práctica de exercicio físico ou sobre outros aspectos relacionados co benestar laboral, en estreita colaboración coas asociacións do sector e tendo moi en conta a perspectiva de xénero e de idade.
Deste xeito, estase a reforzar o asesoramento técnico e colaboración con colectivos de mariscadores para a prevención de riscos laborais, as escolas de saúde laboral específicas e a axuda para a correcta valoración das súas posibles enfermidades profesionais. Nesa liña, cómpre mencionar a campaña en colaboración coa Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca) que busca sensibilizar e difundir a necesidade dunha mellor identificación das enfermidades profesionais recoñecidas legalmente no marco do marisqueo por mor dos movementos repetitivos, posturas forzadas, manipulación de cargas, aplicación de forzas, humidade, etc.