Celebra a súa XXVII edición do 29 ao 31 de maio

A Xunta impulsa a Feira do Viño de Valdeorras que bate récord de adegas participantes nun momento no que o turismo medra o 27%

Xosé Merelles salientou o bo momento turístico que vive esta zona ourensá na que a demanda medrou o 38% e a estadía media o 8,4% no primeiro trimestre de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, destacou a importancia deste tipo de eventos na promoción dos produtos de calidade diferenciada, caso dos viños de Valdeorras, e reafirmou o apoio da Xunta á feira

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou esta mañá en Santiago a XXVII edición da Feira do Viño de Valdeorras, un acto no que estivo acompañado polo director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o presidente do Consello Regulador da denominación de orixe de Valdeorras, Marcos Prada. Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou que esta cita converterá O Barco no gran escaparate da enogastronomía galega entre os días 29 e 31 de maio, nunha edición histórica marcada polo 80 aniversario da Denominación de Orixe Valdeorras e pola participación de 22 adegas, a cifra máis alta da última década.

O director de Turismo de Galicia amosou o seu desexo de que esta edición da Festa do Viño de Valdeorras supere as cifras acadadas o pasado ano cando se superou os 3.500 visitantes e se serviron arredor de 22.000 copas, datos que evidencian o impacto do evento na dinamización da actividade hostaleira e comercial da comarca.

O responsable autonómico incidiu ademais en que a celebración coincide cun momento especialmente positivo para o turismo no xeodestino Trevinca-Valdeorras. “Nos tres primeiros meses do ano, rexistráronse 4.175 viaxeiros, un 27,3% máis que no mesmo período do ano anterior, mentres que o número de noites medrou un 38%, ata alcanzar as 9.434 noites. A estadía media sitúase xa nas 2,26 noites, isto é un 8,4% máis que o mesmo trimestre de 2025”, afirmou.

“Galicia estase posicionando como destino turístico auténtico e singular, e nesa descrición xogan un papel clave recursos como a enoloxía”, manifestou apuntando á realización de feiras e festas populares, especialmente no ámbito enogastronómico, como reclamo turístico único en Galicia. Un reclamo que ten a vertente de “contribuír a implicar á poboación local na planificación e a xestión dos eventos”, abundou. 

Ademais, puxo en valor o papel da festa como motor económico, turístico e cultural da comarca. Baixo o lema ‘Regodéllate co godello, 100% de Valdeorras’, sinalou que a cita reforza a aposta pola enogastronomía como elemento diferenciador do destino e como ferramenta para atraer un visitante interesado en experiencias auténticas, sostibles e ligadas ao territorio.

A XXVII Feira do Viño de Valdeorras celebrarase entre 29 e 31 de maio. Esta edición, na que participan 22 adegas, realizará varios cambios sobre as anteriores, co obxectivo de facer crecer o evento. Por unha banda, a localización móvese ao Campo da Festa no Paseo do Malecón do Barco, buscando un espazo máis céntrico e accesible. Ademais, por primeira vez desde que se celebra no Barco de Valdeorras, comezará a tarde do venres.

Promoción da calidade diferenciada

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, destacou a importancia deste tipo de feiras na promoción dun produto de calidade diferenciada como é o viño amparado pola denominación de orixe (DO) Valdeorras.

Alemparte salientou, así mesmo, a participación de máis dunha vintena de adegas da DO nesta edición e puxo en valor o apoio de Medio Rural a este evento, a través da liña de axudas para información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios galegos acollidos a réximes de calidade realizadas por grupos de produtores, no marco do Plan estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027. Asemade, no programa de actos dáselle un papel protagonista á maridaxe dos viños de Valdeorras cos produtos de Artesanía Alimentaria.

Nesta liña, o director reiterou o compromiso da Xunta coa promoción da calidade alimentaria en xeral, que se plasma, entre outras medidas, a través do desenvolvemento do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado con máis de 10 millóns de euros este ano, dous máis que no 2025. Por medio desta iniciativa, lembrou Alemparte, apóiase a participación dos produtores galegos en eventos gastronómicos fóra de Galicia e de España e refórzase a promoción en Galicia, con mercados, feiras enoturísticas e gastronómicas e mesmo con accións en centros educativos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2026