O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración reuniuse con representantes da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial Curtis-Teixeiro

A Xunta pon en valor a nova orde de rehabilitación de vivendas para reforzar o emprego de sectores estratéxicos en municipios do rural galego

José González salienta a convocatoria conxunta das consellerías de Emprego e Vivenda que, cun orzamento inicial de 1,5 M€, busca poñer a disposición de persoas contratadas en Galicia vivendas situadas en concellos de menos de 20.000 habitantes 

Poden recibir axudas para rehabilitar vivendas unifamiliares ou edificios residenciais os propietarios, usufrutuarios ou cesionarios dos inmobles por un mínimo de 10 anos, tanto as empresas como persoas físicas ou xurídicas e concellos que pacten con elas

Ademais, ao puntuar as solicitudes teranse en conta tamén cuestións como que as persoas destinatarias finais traballen nun sector estratéxico, a distancia da vivenda co centro de traballo, a demografía do municipio ou a sostibilidade da rehabilitación 

Na potenciación do mercado laboral interno, o titular de Emprego salienta a aposta galega por unha formación á carta do tecido empresarial con ordes como os Bonos Talento Empresa, que poderán solicitarse a partir do próximo 2 de xuño

Dentro da atracción de talento e dunha inmigración controlada, segura e eficaz vinculada á demanda das empresas, insiste no traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo de estranxeiros por parte do Goberno central

Curtis (A Coruña), 26 de maio de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo hoxe un encontro con representantes da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial Curtis-Teixeiro, no marco da rolda de contactos que a Consellería está a manter co tecido empresarial galego para avanzar en medidas adaptadas ás necesidades do mercado laboral, especialmente no ámbito rural. Durante a reunión puxo en valor a nova liña orientada á rehabilitación de vivendas, enfocada en concellos de menos de 20.000 habitantes, como Curtis, para o seu posterior alugueiro ou cesión de uso a persoas contratadas por empresas con centros de traballo en Galicia, dotada cun orzamento inicial de 1,5 M€.

Con prazo de solicitude aberto ata o próximo 15 de xullo, explicou que esta convocatoria bianual 2026-2027, impulsada conxuntamente polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, busca dar resposta tanto ás necesidades de man de obra do tecido produtivo —priorizando os sectores estratéxicos— como ás dificultades de acceso á vivenda das persoas traballadoras, ao tempo que contribúe á fixación de poboación e á vertebración do territorio galego.

González detallou que poderán beneficiarse destas axudas os propietarios, usufrutuarios ou cesionarios do uso das vivendas por un prazo mínimo de 10 anos, xa sexan as propias empresas contratantes ou persoas físicas, xurídicas e concellos que se comprometan a destinar os inmobles rehabilitados ao seu persoal traballador. Para garantir a cobertura das vacantes laborais, recorrendo —cando sexa necesario— á atracción de talento exterior, valorarase que as vivendas se destinen a persoas contratadas no marco do programa Retorna Cualifica Emprego —que mantén aberto o prazo de solicitude da convocatoria 2026-2027— ou beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME). Ademais, ao puntuar as solicitudes teranse en conta tamén outras cuestións como que as persoas destinatarias finais traballen nun sector estratéxico, a distancia da vivenda co centro de traballo, a demografía do municipio ou a sostibilidade da rehabilitación

Potenciación do talento interno

Na súa intervención, o conselleiro tamén salientou medidas orientadas á potenciación do mercado laboral interno. Entre elas, destacou as vinculadas á aposta autonómica pola formación á carta adaptada ás necesidades do tecido empresarial, facendo fincapé en convocatorias abertas como a publicada o pasado venres, os Bonos Talento Empresa, que pode solicitarse desde o próximo 2 de xuño — e deica o 3 de agosto de 2026— que permiten impulsar formación áxil e non regrada dirixida aos cadros de persoal das empresas. Segundo explicou, esta orde encaixa tamén no enfoque do novo Marco Galego de Microcredenciais para o Traballo, xa en vigor e en fase de desenvolvemento, que permitirá ás empresas crear formación curta, práctica e certificada en función das súas necesidades, cunha implantación progresiva ao longo dos vindeiros meses.

Suma de talento

No ámbito da atracción de talento, José González resumiu as claves do modelo propio impulsado pola Xunta, baseado nunha inmigración controlada, segura e eficaz, vinculada á demanda das empresas e cunha integración sociolaboral en beneficio da Comunidade.

Con este obxectivo, o modelo céntrase, en primeiro termo, no retorno das persoas galegas do exterior a través da Estratexia Galicia Retorna. Nun segundo eixo, aposta pola captación ordenada de talento procedente de terceiros países, eido no que, entre outros aspectos, resulta prioritaria a axilidade por parte do Goberno central no traspaso das competencias relativas ás autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras solicitadas pola Xunta. Segundo subliñou, este traspaso tamén resulta clave para exercer as políticas activas de emprego en relación coas persoas migrantes regularizadas. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2026