A Xunta lanza os apoios do programa de primeira experiencia profesional cunha nova liña para a formación de aprendices en oficios artesanais
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas de 2026 do programa de primeira experiencia profesional, dotadas cun importe global de máis de 8,7 M€
Coas novas axudas á artesanía prevese chegar a uns 50 aprendices de oficios, dentro das máis de 520 persoas desempregadas que se estima beneficiar
O prazo de presentación de solicitudes abrirá o vindeiro 16 de xuño e prolongarase ata o 30 de setembro de 2026 ou ata que se esgote o crédito
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas deste ano do programa de primeira experiencia profesional, dotadas cun importe global de máis de 8,7 M€ coa previsión de beneficiar en total máis de 520 persoas desempregadas, poñendo o foco na retención do talento mozo e na cobertura de vacantes en sectores estratéxicos.
Esta edición inclúe como novidade unha nova liña de axudas para a formación de aprendices en oficios tradicionais. Estes apoios que se estrean nesta iniciativa contan con 1 M€ do importe total e están destinados aos obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia para a formación de arredor de 50 aprendices.
Deste xeito, con este programa impulsarase preferentemente a empregabilidade das persoas menores de 30 anos, podendo beneficiarse tamén as maiores desa idade no caso dos apoios que se estrean ao sector artesanal.
En concreto, as achegas destínanse a incentivar contratos de prácticas ou de formación en alternancia —a tempo completo e durante 12 meses— nas empresas, centros especiais de emprego, empresas de inserción laboral e este ano, por primeira vez, tamén nos obradoiros artesanais, co fin de dotar as persoas inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia de competencias para acceder ao mercado laboral. Coas axudas dáse cobertura aos custos salariais dos postos de traballo, con contías que van desde preto de 10.000 aos máis de 16.600 euros.
Deste xeito, facilitaráselles un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego abrindo camiño á súa inserción laboral xa que, unha vez rematado o proceso, contarán coas competencias para poder acceder a un emprego estable. O prazo de presentación de solicitudes abrirá o vindeiro 16 de xuño e prolongarase ata o 30 de setembro de 2026 ou ata que se esgote o crédito.
Ligazón á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260609/AnuncioG0767-250526-0001_gl.html