A Xunta impulsa en Carballeda de Avia o proxecto Muimenta Viva para converter a aldea nun referente de emprendemento e dinamización no rural
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social visitou o inicio das actividades da iniciativa, impulsada pola Xunta e o Concello de Carballeda de Avia para activar os equipamentos comunitarios da aldea e xerar novas oportunidades
Sinalou que o obxectivo é aproveitar estas infraestruturas para impulsar novas actividades que reforcen a vida comunitaria e atraian oportunidades ao territorio, favorecendo a creación de redes de colaboración entre os diferentes axentes locais
Neste marco, indicou que dará inicio a estadía dunha persoa durante seis meses na aldea, que será a encargada da dinamización dos espazos e da coordinación das actividades previstas no programa ata decembro de 2026
A proposta enmárcase na Estratexia de emprendemento ligado ao territorio e na liña doutras actuacións autonómicas pioneiras en marcha como Fixar, que conta coa súa terceira edición en funcionamento para atraer nómades dixitais ao rural galego
Carballeda de Avia (Ourense), 21 de xuño de 2026
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou hoxe a aldea de Muimenta para poñer en valor o inicio do programa Muimenta Viva, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Concello de Carballeda de Avia que busca activar os novos equipamentos comunitarios da aldea e avanzar cara a un modelo público innovador de emprendemento e dinamización territorial no rural galego.
Durante a visita, Marta Mariño sinalou que o proxecto permitirá aproveitar espazos como a Praza da Festa, a cociña comunitaria, a vivenda pública e o novo centro social para xerar novas actividades que reforcen a vida comunitaria e atraian oportunidades ao territorio, favorecendo a creación de redes de colaboración entre os diferentes axentes locais.
Ademais, explicou que a iniciativa arranca coa incorporación dunha persoa que desenvolverá unha estadía de seis meses en Muimenta para coordinar as actividades previstas, fortalecer a relación coa comunidade e contribuír á dinamización da aldea. Tamén avanzou que ata decembro de 2026 se desenvolverá un amplo programa de actividades, encontros participativos e residencias temporais de carácter creativo e profesional.
Con isto, a directora xeral explicou que a idea é que cada vez máis persoas vexan o rural como un lugar onde vivir, traballar e desenvolver os seus proxectos, tendo en conta os novos contextos de mobilidade laboral, e demostrando as oportunidades que ten o rural galego.
A xornada tamén contou coa participación do alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia, e de representantes da Fundación RIA e de Sende e Anceu Coliving, entidades colaboradoras na iniciativa.
Emprendemento ligado ao territorio
Marta Mariño subliñou que Muimenta Viva exemplifica o modelo de desenvolvemento rural polo que aposta a Xunta, baseado na colaboración, a innovación e a creación de oportunidades vinculadas ao territorio, e enmarcou a iniciativa na Estratexia de emprendemento ligado ao territorio que o Goberno galego está a ultimar xunto cos distintos axentes do ecosistema emprendedor.
Neste contexto, lembrou o papel da Rede Ultreia, que xa conta con máis de 140 entidades adheridas, como unha ferramenta clave para compartir recursos, xerar sinerxías e reforzar o apoio ao emprendemento en toda Galicia.
Así mesmo, puxo en valor que esta iniciativa dá continuidade a outras experiencias pioneiras como Fixar, promovida xunto coa Asociación Cultural Sende e integrada polos espazos de Sende, en Lobeira; Anceu Coliving, en Ponte Caldelas; e iSlow, en Laxe, que conta cunha nova edición en marcha para continuar atraendo nómades dixitais ao rural galego.