A Xunta destina case 2,5 M€ a 56 centros comerciais abertos e catro federacións do sector para garantir a dinamización e competitividade do comercio local
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe senllas resolucións de axudas de 2026 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que teñen como obxectivo final aumentar as vendas no comercio de proximidade
No caso da de centros comerciais abertos, elévase o número de entidades beneficiarias e fináncianse cinco novas campañas extraordinarias —en Boiro, Marín, Redondela, Viveiro e Verín—, cun montante total superior aos 2,35 M€
En canto ao programa de dinamización comercial dirixido a federacións e asociacións de comerciantes de ámbito supramunicipal, concedéronse catro achegas —dúas sectoriais, e dúas territoriais— por un importe total próximo aos 117.000 €
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe senllas resolucións de axudas de 2026 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración —dirixidas aos centros comerciais abertos e ás federacións e asociacións de comerciantes de ámbito ' title='https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260714/AnuncioG0767-020726-0001_gl.html">'>https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260714/AnuncioG0767-020726-0001_gl.html">supramunicipal— que suporán destinar un importe total próximo aos 2,5 M€ á dinamización do comercio local. O obxectivo final é incrementar as vendas nos establecementos de proximidade mediante actuacións e campañas que impulsen o consumo, aumenten a competitividade do sector e dean resposta ás necesidades das persoas consumidoras e usuarias, ao tempo que se contribúe a xerar puntos de atracción comercial nas vilas e cidades galegas.
No caso das achegas aos CCA, elévase a 56 o número de entidades beneficiarias e fináncianse cinco novas campañas extraordinarias —das solicitudes mellor puntuadas—, cun montante total superior aos 2,35 M€. En canto ao outro programa, distribúense preto de 117.000 euros entre catro concesións, dúas sectoriais e dúas territoriais.
Centros comerciais abertos
As 56 axudas aprobadas para asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro de cara á dinamización do comercio local e a revitalización dos centros comerciais abertos distribúense en 24 concesións para a provincia de Pontevedra, 18 na da Coruña, 8 na de Lugo e 6 en Ourense. Incorpóranse catro novas entidades beneficiarias: a Asociación de empresarios de Pontevedra, a Asociación de comerciantes e industriais de Tui, a Asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Burela e a Asociación de empresas e comercios Prolimia.
A maiores, preto de 100.000 euros destinaranse ás cinco asociacións mellor puntuadas, para que realicen campañas extraordinarias. En concreto, a Asociación Boirense de Empresarios e Profesionais Autónomos celebrará en setembro unha gran partida do comercio inspirada no xogo do Monopoly, mentres a Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín desenvolverá en outubro a súa proposta Que é un comercio, especialmente dirixida ás familias e novas xeracións.
No que respecta á Asociación de Empresarios de Redondela, a campaña Redondela no camiño porá en valor en setembro a posición estratéxica a nivel comercial de Redondela, como punto de confluencia das dúas variantes do Camiño Portugués: a Central e a da Costa. Pola súa banda, a Asociación Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro promoverá entre setembro e outubro a campaña Viveiro conta e o seu comercio tamén, e por último, o Centro Comercial Urbano Aever impulsará na primeira semana de outubro a Gala do comercio local de Verín.
Cómpre lembrar que, para optar ás achegas, as agrupacións debían presentar un mínimo de seis campañas que incluísen a participación directa dos comercios asociados e das persoas consumidoras, así como a programación de accións formativas. Ademais podían propoñer outras actuacións complementarias orientadas á fidelización e á mellora dos servizos para a clientela, incorporando como novidade nesta epígrafe na edición deste ano os servizos de ludoteca e espazos de lecer infantís.
Federacións ou asociacións de comerciantes de ámbito supramunicipal
No marco do programa de dinamización comercial dirixido a federacións e asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal, resultaron beneficiarias a Federación de libreiros de Galicia e a Federación galega de asociacións e gremios de xoieiros, reloxeiros e prateiros, ademais da Mariña Federación e do Consorcio do Comercio do Salnés. Neste caso, as entidades presentaron catro accións de dinamización cada unha, entre campañas e eventos para dar pulo ás vendas ou á súa imaxe e visibilidade.
Cabe engadir que ambas convocatorias se encadran no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que persegue acadar un sector competitivo, forte, moderno, sostible, atractivo e de calidade cun orzamento global de 320 M€. Dentro dos tres eixes de actuación que establece —que se vertebran en 16 medidas e 74 accións—, as dúas ordes enmárcanse no segundo, centrado na dinamización e visibilidade do comercio.