A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe o mercado de segunda man do 'Pantín Classic', en Valdoviño

A Xunta avoga pola economía circular, a reutilización e o consumo responsable no surf co Tinglado de Pantín

Este espazo é un mercado de segunda man entre particulares que permite adquirir produtos relacionados con este deporte e avanzar na redución de residuos xerados

Ángeles Vázquez salienta que esta iniciativa permite vincular directamente a economía circular cun deporte estreitamente relacionado coa conservación do mar e da contorna natural

Lembra que se trata da segunda vez do Tinglado en Pantín, que conta con actividades diversas nas que o ano pasado participaron 45 persoas que puxeron á venda máis de 110 obxectos

Valdoviño (A Coruña)

A Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avoga pola economía circular, a reutilización e o consumo responsable no eido do surf co mercado de segunda man O Tinglado, no marco do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026. 

Acompañada por diversas autoridades, a responsable autonómica visitou hoxe este espazo, que promove o consumo sostible de produtos relacionados con este deporte e que ten por obxectivo avanzar na redución dos residuos que se xeran, cambiar a forma de consumir e apostar por produtos de calidade que duren no tempo e poidan ter moitas vidas, incluso pasando por diferentes mans.

Ángeles Vázquez salientou que esta iniciativa permite vincular directamente a economía circular cun deporte estreitamente relacionado coa conservación do mar e da contorna natural, así aspectos como a reutilización e a reparación e prevención de residuos poden axudar a protexer o medio mariño.

Deste xeito, os visitantes ao Tinglado poderán adquirir produtos de segunda man de cidadáns particulares relacionados co surf como táboas, neoprenos ou outros materiais e equipamentos para practicar este deporte, promovendo a prolongación da vida útil dos produtos e unha forma máis circular de consumir. 

A maiores, a conselleira lembrou que se trata da segunda vez deste mercado de segunda man en Pantín, que ademais da compravenda ofrece diversas actividades como faladoiros, obradoiros ou a exposición Retoque Retro, que emprega residuos reais recollidos nos areais galegos para transformalos en esculturas e elementos artísticos.

Así mesmo, fixo balance da edición do ano pasado, na que participaron 45 persoas que puxeron á venda máis de 110 obxectos, dos que se venderon 60 artigos. É dicir, máis da metade dos artigos postos á venda na primeira edición atoparon comprador, e entre eles destaca a adquisición de preto 30 táboas de surf e algo máis de 20 neoprenos, que tal e como destacou, é unha nova oportunidade para artigos de calidade que se converterían en residuos, sen necesidade.

Plan de residuos municipais

A celebración do Tinglado enmárcase no Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, co que a Xunta busca implicar ás entidades locais e á cidadanía na implantación dun modelo circular que contribúa a cumprir coas exixencias normativas neste eido. Con este plan o Goberno galego aspira a reducir en 2030 un 15% a xeración de refugallos respecto a 2010, un 50% os residuos alimentarios por persoa na venda retallista e aos consumidores e un 20% as perdas de alimentos ao longo das cadeas tanto de produción como de subministración.

Co anterior plan, entre outros aspectos, Galicia reduciu máis dun 5% a produción de residuos e os enviados a vertedoiros descenderon case un 37%, co que a comunidade se sitúa por debaixo da media estatal e máis próxima á media europea.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/08/2026