Medio Rural achega a calidade diferenciada a novos públicos no Festival da Luz

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe a este evento, no que a Consellería desenvolve un amplo programa de promoción das producións galegas certificadas 

Por primeira vez, o festival conta cun espazo específico de Artesanía Alimentaria, coa participación de seis produtores e cunha programación de catas, degustacións e venda directa 

A iniciativa busca aproveitar un evento cultural de referencia para achegar aos consumidores os valores de orixe, autenticidade e calidade que identifican estas producións

A Consellería destina este ano máis de 10 millóns de euros ao Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dous millóns máis que en 2025, co obxectivo de reforzar a promoción das producións certificadas

Boimorto (A Coruña), 29 de agosto de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á segunda xornada do Festival da Luz, onde a Consellería do Medio Rural desenvolve un amplo programa de actividades para promocionar os produtos galegos de calidade diferenciada e achegalos novos públicos que participan nesta cita.

A presenza neste festival enmárcase na aposta da Consellería por diversificar os espazos de promoción da calidade diferenciada, incorporando estas producións a eventos culturais e de lecer con capacidade para chegar a novos consumidores. Trátase de asociar a experiencia gastronómica con outros ámbitos, como a música e a cultura, e de mostrar que detrás de cada produto certificado existe tamén un territorio, unhas materias primas, uns produtores e unha maneira propia de producir.

Neste contexto, unha das principais novidades desta edición é a incorporación, por primeira vez no Festival da Luz, dun espazo específico dedicado á Artesanía Alimentaria, no que seis produtores expoñen e venden directamente as súas elaboracións. Esta presenza complétase cunha aula de catas e degustacións na que cociñeiros e divulgadores dan a coñecer diferentes propostas elaboradas con produtos artesáns.

Deste xeito, búscase dar maior visibilidade a un modelo de produción que combina materias primas de calidade, elaboración coidada, saber facer e vinculación co territorio, ao tempo que se facilita o contacto directo entre produtores e consumidores e se favorece o coñecemento do distintivo de Artesanía Alimentaria.

Unha experiencia arredor da calidade diferenciada

A programación da Consellería articúlase arredor dun posto fixo dividido en tres espazos. Un deles está dedicado á plataforma experienciasdecalidade.gal, a través da que se poden adquirir estes produtos; mentres que os outros dous acollen xogos e concursos relacionados cos diferentes indicativos de calidade.

A maiores, unha gastroneta permite trasladar esta promoción á propia experiencia gastronómica, coa distribución de menús degustación entre os participantes nos xogos e concursos. A programación complétase con catas de Artesanía Alimentaria, sorteos de produtos e distribución de material promocional.

Con este conxunto de accións, a Consellería do Medio Rural procura que o público non só deguste os produtos, senón que aprenda a recoñecer os distintivos que os identifican e coñeza o que representan en termos de orixe, trazabilidade, control e vinculación co territorio.

Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada

Esta actuación forma parte da estratexia de promoción que a Consellería desenvolve a través do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado este ano con máis de 10 millóns de euros, dous millóns máis que en 2025, para reforzar a promoción das producións certificadas, incrementar a súa visibilidade e favorecer que os consumidores coñezan, identifiquen e valoren os selos que acreditan a súa orixe e calidade.

A participación no Festival da Luz responde precisamente a este obxectivo: levar a calidade diferenciada alí onde están os consumidores, ampliar os espazos nos que se presentan os produtos galegos e facer da súa promoción unha ferramenta para xerar valor para produtores e elaboradores e, ao mesmo tempo, contribuír á dinamización do medio rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2026