A Xunta salienta o papel do centro comercial aberto na consolidación da Feira do Comercio ProLimia a prol de impulsar as vendas dos negocios de Xinzo da Limia
Xinzo da Limia (Ourense), 28 de agosto de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe á inauguración da VII Feira do Comercio ProLimia, que ten lugar desde hoxe ata o 30 de agosto no Pavillón de Deportes de Xinzo de Limia e que conta co apoio da Xunta no marco das axudas aos centros comerciais abertos. Ao abeiro desta iniciativa, instalouse tamén un posto informativo da campaña Comercio Compensa, coa que o Goberno galego promove hábitos de compra máis responsables, fomenta o uso de alternativas reutilizables e pon en valor o comercio de proximidade.
Neste contexto, Gabriel Alén puxo en valor esta cita que reúne os establecementos da vila e tamén ofrece un amplo programa de actividades para toda a familia. Ademais, é a primeira edición que forma parte da nova etapa de ProLimia, que estreou recentemente o seu propio centro comercial aberto, co fin de reforzar a profesionalización, a dinamización e a promoción do comercio local do municipio.
Da convocatoria deste ano dos apoios destinados aos CCA —enmarcados no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030— resultaron beneficiarias 56 entidades de toda Galicia cun valor total de axuda de 2,35 M€. Unha delas é a asociación ProLimia, que forma parte das seis entidades ás que lle foron concedidas estas achegas na provincia de Ourense, cun valor total de axuda de arredor de 263.000 euros. Neste sentido, o director xeral subliñou que esta feira incentiva as vendas do comercio de proximidade e atrae público tanto de Xinzo da Limia como do resto da comarca contribuíndo a reforzar o tecido comercial e a consolidalo como motor socioeconómico do municipio.