A Xunta destina 61.600 euros á mellora de dúas vías municipais en Monterroso a través do Plan Camiña Rural

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explica que as actuacións abranguerán 1,4 quilómetros correspondentes aos camiños de Curuxas a Viloíde; e de Traslama a Curuxas

Monterroso (Lugo), 3 de setembro de 2026

A Xunta inviste 61.650 euros no acondicionamento de dúas vías municipais en Monterroso a través da nova convocatoria de axudas do Plan Camiña Rural.  

Con cargo á última edición deste programa acondicionaranse 1,4 quilómetros de camiños en Monterroso, que permitirán mellorar as comunicacións de Curuxas a Viloíde; e de Traslama a Curuxas.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, acompañado do alcalde, Eloy Pérez, visitou Viloíde para comprobar a marcha das obras que están actualmente en execución nesta zona. 

A intervención inclúe a limpeza de foxos, a drenaxe transversal da plataforma e a renovación do pavimento mediante o estendido dunha capa de aglomerado en quente. No caso da conexión entre Traslama e Curuxas, está previsto ademais mellorar a sinalización vertical e horizontal en todo o treito.

Villares destacou que estas actuacións “contribúen a facilitar a accesibilidade no medio rural, a fixar poboación e a incrementar a competitividade das explotacións agrarias”. Tamén puxo en valor a colaboración entre administracións para executar obras que teñen un impacto directo no día a día da cidadanía.

A última convocatoria deste programa autonómico, correspondente ás anualidades 2026-2027, contempla un investimento total de preto de 19 millóns de euros no conxunto de Galicia. Estes fondos financian actuacións de ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2026