A Xunta avalía na Mesa do Emprego Autónomo a orde unificada de preto de 41 M€ en axudas para o colectivo
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, presidiu esta mañá unha nova xuntanza da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, na que participaron as principais organizacións representativas do traballo por conta propia en Galicia: APE Galicia, ATA e UPTA-Agtamar.
Durante a reunión, avaliouse a orde unificada de axudas para persoas traballadoras autónomas, cuxo prazo de solicitude remata o vindeiro 30 de setembro e á que este ano a Xunta destina preto de 41 M€. A convocatoria reúne cinco liñas específicas de apoio, que inclúen a cota cero e o apoio ao inicio da actividade, o Bono Autónomo, o programa de Nova Oportunidade, o Bono Remuda e as axudas á conciliación. Na xuntanza tamén se abordaron as necesidades de formación deste colectivo, así como outros retos clave para o sector, entre eles a remuda xeracional.