A Xunta lidera un proxecto europeo para mellorar a resilencia ambiental das zonas rurais
A secretaria xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asistiu esta semana en Estocolmo á reunión de posta en marcha desta iniciativa que permitirá impulsar a cooperación de Galicia con outras rexións para promover políticas e instrumentos que permitan xestionar, manter e mellorar o capital natural das zonas rurais
Está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e conta cun orzamento de 1,65 millóns de euros, dos cales algo máis de 450.000 serán mobilizados na nosa comunidade
No proxecto participan outros seis socios europeos de rexións que comparten desafíos semellantes en Italia, Alemaña, Grecia, Romanía, Países Baixos e Eslovenia
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, recibiu r a aprobación dun proxecto europeo que permitirá impulsar a cooperación de Galicia con outras rexións europeas para identificar e promover políticas e instrumentos que permitan xestionar, manter e mellorar o capital natural das zonas rurais e reducir o risco e o impacto de desastres ambientais como os incendios forestais, xerando ao mesmo tempo oportunidades económicas e sociais que atraian poboación ás zonas rurais. A secretaria xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asistiu esta semana en Estocolmo á reunión de posta en marcha desta iniciativa.
O proxecto, denominado Down to Earth: Abordando o desafío do despoboamento para mellorar a resiliencia ambiental das zonas rurais, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa Interreg Europe 2021-2027 e conta cun orzamento de 1,65 millóns de euros, dos cales algo máis de 450.000 euros serán mobilizados en Galicia.
Durante os próximos catro anos, os oito socios traballarán conxuntamente co obxectivo de identificar e promover boas prácticas para a xestión, mantemento e mellora do capital natural das zonas rurais que permitan reducir o risco de desastres ambientais como os incendios forestais, xerando ao mesmo tempo oportunidades económicas e sociais que poden atraer poboación ás zonas rurais.
Para a consecución deste obxectivo xeral, o proxecto prevé mobilizar os principais axentes das rexións participantes a través da organización de distintas iniciativas para o intercambio de experiencias e a aprendizaxe mutua centrada nas iniciativas e instrumentos que se están a empregar en Europa, entre os que se incluirán a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e os instrumentos que prevé, como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as permutas de especial interese agrario ou as agrupacións de xestión conxunta.
As temáticas de traballo teñen en conta a realidade de cada un dos territorios nos que se vai traballar e agrúpanse arredor de tres liñas de interese para todos os participantes: riscos ambientais vencellados ao despoboamento e ao envellecemento da poboación nas áreas rurais, barreiras de acceso ao rural despoboado e envellecido para a xente nova que quere incorporarse ao sector primario, instrumentos para fortalecer o papel dos actores do sector primario na loita contra o cambio climático e a prevención de riscos ambientais nas áreas rurais. Así, os resultados do proxecto permitiranlles ás entidades participantes introducir melloras na implementación dos instrumentos analizados para abordar de forma máis efectiva estes tres temas fundamentais.