A Xunta e Cegasal deseñan itinerarios formativos para fomentar a empregabilidade de persoas con trastorno mental severo

O Sergas destinará preto de 100.000 euros a este proxecto inserido no Plan de Saúde Mental de Galicia que comenzará na área sanitaria da Coruña co obxectivo de estenderse a toda Galicia

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina máis de 44 millóns de euros ao Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023 A Xunta de Galicia e a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro, CEGASAL, poñen en marcha o proxecto “Capacitad@mente”, orientado a favorecer a recuperación e integración das persoas con trastorno mental severo, a través de itinerarios formativos para fomentar a súa empregabilidade. A este proxecto, no que participan as consellerías de Sanidade e Promoción do Emprego e Igualdade, o Executivo galego destina 100.000 euros.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, subliñou que o Plan de Saúde Mental da Xunta recolle especificamente, a través do eixo “A recuperación como meta”, a necesidade de fomentar o emprego das persoas con trastorno mental grave, posto que “para estes pacientes a inserción laboral non é só unha necesidade económica senón que forma parte tamén dun proceso terapéutico”. Por iso, agradeceu a CEGASAL, ao persoal do servizo de saúde mental da área da Coruña, no que comezará o proxecto, e ao servizo de saúde mental da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria  o esforzo en deseñar estes programas de formación e de práctica, e asegurou a aposta da Xunta por seguir avanzando e levar este proxecto a toda a Galicia.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, pola súa banda, indicou que é prioridade do Goberno galego establecer accións que favorezan a promoción da autonomía e a integración social e laboral das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Louvou o papel dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que “exercen de axentes dinamizadores dun emprego inclusivo para todos”. Neste senso indicou que CEGASAL é fiel representación dos valores que definen a economía social: igualdade, solidariedade e resiliencia.

Galicia conta con 125 centros especiais de emprego, “125 portas para o acceso ao mercado laboral de moitas galegas e galegos”, indicou a conselleira, quen referendou o compromiso das administracións públicas para renovar e reforzar esforzos encamiñados a xerar oportunidades. A representante autonómica recordou que a Xunta de Galicia está a reeditar o Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social, ao que destina máis de 44 millóns de euros para desenvolver oito liñas de actuación para fomentar a inclusión no mercado de traballo destas persoas que padecen maiores atrancos.

Plan de Saúde Mental de Galicia

Neste ámbito, a Xunta creou máis de 220 prazas de saúde mental desde o ano 2020 e a previsión do Plan de Saúde Mental de Galicia é completalas coas últimas 17 en 2024, chegando ás 241 novas prazas. Isto supón 10 millóns de euros máis en persoal de saúde mental que no ano 2020.

Aumentouse un 50 % a partida destinada a financiar prazas concertadas para pacientes con trastornos mentais en centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos ou unidades residenciais. A Xunta aumentou en máis de 150 prazas cun financiamento que pasou dos 6,1 millóns de euros en 2020 ata os 9,1 millóns dos orzamentos de 2023.

Igualmente, as axudas para entidades que realizan programas de atención á saúde mental máis que se duplicaron, dos 500.000 euros do ano 2020 aos 1,2 millóns de euros que a Xunta distribúe este ano 2023 entre case 60 programas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2023