A Xunta inicia o programa ‘Lideramos’ con 150 participantes en toda Galicia para impulsar o talento feminino e a formación en xestión de equipos

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou en Pontevedra no arranque deste programa, no marco do que se organizarán obradoiros e clases maxistrais, así como sesións de networking ou titorizacións individualizadas

Trátase dun proxecto encamiñado á redución da fenda de xénero nos postos directivos das empresas, tendo en conta que Galicia xa se sitúa como unha das tres primeiras comunidades de España onde as mulleres ocupan máis estes postos

Pontevedra, 27 de decembro de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe xunto coa secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, no acto co que bota a andar o programa formativo Lideramos, dirixido a impulsar o talento e liderado feminino e a formación específica en xestión de equipos. Alí, puxo de relevo que máis dun cento de mulleres participarán nas distintas actividades que organizará a Xunta de Galicia deica o vindeiro 11 de abril.

 

Na súa intervención, o secretario xeral destacou que a formación que hoxe comeza estará composta por obradoiros e clases maxistrais en liña para os distintos equipos de traballo e sesións de networking e formación presencial nas catro provincias, co fin de abordar diferentes temáticas e obxectivos de modo transversal. O programa Lideramos céntrase así no fortalecemento de novos perfís profesionais, no desenvolvemento do talento e na formación en competencias brandas -especialmente na área de xestión de equipos-, reforzando o compromiso da Xunta coa igualdade de xénero.

 

Deste xeito, os obxectivos do proxecto son os de reforzar o liderado feminino e a competencia da xestión executiva en Galicia, co gallo de avanzar no benestar nas empresas. Tamén impulsar a interrelación entre todas as participantes no programa, ofrecendo formación práctica en xestión e liderado e mellorando as capacidades de liderado e comunicación, destacando as fortalezas e talentos individuais.

 

Así mesmo, promoverase o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal mediante sesións de coaching individualizadas para saber das principais forzas motivadoras dos diferentes equipos, así como para alentalos a seguir progresando.

 

En definitiva, trátase dun proxecto de fomento do crecemento do talento feminino nos postos directivos de cara á redución da fenda de xénero.

 
 

Información do proxecto

A web do programa (www.lideramos.gal) recolle todo o contido do proxecto, así como a ficha de inscrición de cada colectivo e provincia.

 

Esta web recollerá todas as novidades, eventos e contidos de interese que se xeren durante o transcurso da iniciativa nos diferentes grupos e accións. As persoas interesadas en enviar calquera consulta poderán remitila ao correo electrónico leadership@lideramos.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/12/2023