Turismo de Galicia

Turismo de Galicia presenta unha nova app dirixida ás persoas que viaxen por Galicia. Trátase dunha ferramenta para facer máis cómodas as visitas, permitindo coñecer os puntos de interese turístico e localizar aqueles que se atopen próximos ao usuario.

Casas de turismo rural, hoteis, pensións, apartamentos, cámpings, restaurantes, patrimonio cultural, arqueoloxía, museos, festas, artesanía, información turística etc. Todos os recursos turísticos de Galicia están dispoñibles no móbil grazas a esta aplicación.

A aplicación, dispoñible en galego, castelán e inglés, permite explorar os recursos turísticos sobre o mapa. Deste xeito, o/a usuario/a pode coñecer os que existen no lugar que vai visitar, os recomendados por Turismo de Galicia ou os que se atopan próximos á súa localización actual.

Sobre o mapa móstranse os puntos de interese e premendo sobre cada un deles accédese á súa ficha, cunha descrición detallada e as posibilidades de chamar por teléfono, enviar un correo electrónico, acceder á súa web ou ver como chegar. Os lugares de interese pódense consultar tamén en modo listaxe e pódense filtrar segundo a tipoloxía.

Ao consultar os recursos próximos, mediante a utilización do GPS e o compás dixital, a aplicación amosa os puntos turísticos próximos á persoa usuaria segundo a orientación do dispositivo móbil, o que facilita a súa localización.

Descarga