Redogal

Unha app para participar na recollida de información da Rede de Observadores do Medio Mariño Galego.

A Rede de Observadores do Medio Mariño Galego (Redogal) ten como finalidade o seguimento e a vixilancia da vida mariña de Galicia.

As condicións do medio mariño sofren continuos cambios, naturais ou antropoxénicos, inducidos polas persoas. Os seres vivos actúan como bioindicadores destes cambios dos ecosistemas, polo que é necesario establecer unha rede de seguimento e vixilancia da vida mariña utilizando como ferramenta o concepto de “Ciencia cidadá”.

Coa aplicación de Redogal, calquera persoa pode informar de avistamentos de forma anónima ou ben rexistrándose. Tan só debe acceder ao apartado "Reportar avistamento" e encher o formulario dispoñible cos datos que se solicitan. Os avistamentos recibidos serán revisados polos/as expertos/as e, unha vez verificados, engadidos ao mapa de avistamentos.

Ademais, a app dispón dunha guía de especies para consultar a súa descrición e os avistamentos xeolocalizados, dun apartado de novas de interese relacionadas co proxecto e dun ranking de observadores/as por número de avistamentos, así como de información útil, como recomendacións sobre a realización das fotos e a conservación de exemplares, e dun sistema de notificacións de novos avistamentos e noticias.

Descarga