O presidente da Xunta interveu na Deputación Permanente para dar conta da situación xerada pola pandemia do coronavirus e a resposta que está a dar a Comunidade para anticipar, conter e paliar os seus efectos

Feijóo anuncia a incorporación de ata 358 profesionais sanitarios que se suman aos máis de 39.000 que ten o Sergas e novas medidas económicas para dotar de liquidez á Comunidade

Avanza tamén un reforzo en material con novas contratacións para adquirir máis mascarillas cirúrxicas, máis máscaras respiratorias, máis batas de alta protección, máis botellas de solución desinfectante “e todos os test que se poidan conseguir”

Destaca a activación dun plan específico para dotar de liquidez á tesourería da Comunidade, co fin de compensar o descenso da recadación motivado pola suspensión dos prazos, e axilizar os pagamentos de facturas a todos os provedores

“E faremos fincapé nun colectivo que nos preocupa especialmente e que debe ser clave para a recuperación, como o son os autónomos”, di

Traslada o pesar aos familiares e amigos que perderon aos seus seres queridos; así como o ánimo a todas as persoas que están a sufrir esta enfermidade nos hospitais e nas súas casas

“Estamos ante unha situación extraordinaria, que require dunha resposta extraordinaria”, di, asegurando que a Xunta seguirá informando con transparencia da evolución da situación e centrada en “ver o que todos podemos facer xuntos”

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe na súa intervención na Deputación Permanente novas iniciativas que a Xunta porá en marcha para facer fronte á situación xerada pola pandemia do coronavirus e que serán avaliadas no Consello, que se celebrará mañá venres. Así, nun primeiro termo, avanzou a publicación nos próximos días dunha nova orde para ampliar os contratos de 145 facultativos máis –médicos, farmacéuticos, psicólogos e radiofísicos-, ademais de 22 enfermeiros.

Este proceso sumarase á orde publicada onte mesmo no DOG e que permitirá ampliar desde o próximo 1 de abril os contratos de 160 médicos residentes e 31 enfermeiros especialistas residentes, que están no seu último ano de formación. “Así, entre os dous procesos estamos a falar dun total de 358 profesionais, que se suman aos máis de 39.000 que xa ten a plantilla do Servizo Galego de Saúde”, explicou.

“Nunca antes houbera máis profesionais no Sergas e agora aínda haberá máis”, dixo, precisando que con esta incorporación o investimento en persoal anual é de 22,3 millóns de euros.

Ademais do reforzo do persoal, Feijóo anunciou tamén un reforzo en material e equipamento, con novas contratacións por importe de 7 millóns de euros, para abonar parte das xa feitas e para autorizar máis: máis mascarillas cirúrxicas, máis máscaras respiratorias, máis batas de alta protección, máis botellas de solución desinfectante “e todos os test que se poidan conseguir”.

O titular do Executivo autonómico reiterou que o material sanitario é unha das grandes prioridades da Comunidade, que seguirá facendo a súa labor para adquirir todo os medios necesarios para protexer ao persoal, e incidiu en que o material que xa se ten encargado debería empezar a chegar a partir da fin de semana con maior abundancia.

Comprendendo a dificultade do Executivo central tamén para adquirir material sanitario, Feijóo pediu ao Goberno que, ao igual que a Xunta, siga facendo todo o posible por subministralo canto antes e, sobre todo, test e aparatos de UCI.

Dotar de liquidez á tesourería da Comunidade

Ao longo da súa intervención, o presidente autonómico avanzou outro importante asunto que tamén se avaliará no Consello, vinculado a apoiar aos que máis o precisan nestes momentos. Ao respecto, referiuse á suspensión dos prazos para a presentación dos impostos de transmisións patrimoniais, de sucesións e os tributos do xogo, co obxectivo de dotar de liquidez a unhas 32.000 persoas e empresas na Comunidade.

“Todas as autoliquidacións destes tres impostos non terán que ser presentadas ata o 30 de xuño de 2020, e mesmo serán prorrogadas se se alonga a finalización do estado de alarma ata un mes despois de que se levante esta situación excepcional”, precisou.

Así mesmo, e no ámbito da Facenda Pública, destacou a iniciativa de activar un plan específico para dotar de liquidez á tesourería da Comunidade, co fin de compensar o descenso da recadación motivado pola suspensión dos prazos, e axilizar os pagamentos de facturas a todos os provedores que traballan coa Administración galega, aliviando os efectos negativos que esta crise lles está a producir. Cómpre salientar que a Xunta é a principal entidade pagadora de Galicia e, no que vai de ano, abonou case 200.000 facturas por máis de 941 millóns de euros.

Nesta mesma liña de contribuír a paliar as consecuencias da pandemia na economía da Comunidade, Feijóo resaltou que tamén se continuará incidindo nas medidas económicas que xa se anunciaron a semana pasada. “E faremos fincapé nun colectivo que nos preocupa especialmente e que debe ser clave para a recuperación, como o son os autónomos”, remarcou.

Unha actuación centrada, desde o primeiro momento, en adiantarse e tomar medidas

O responsable do Goberno galego lembrou que se algo caracterizou á actuación de Galicia desde o primeiro momento, foi o intento de adiantarse e de tomar medidas -sempre dentro das súas competencias e no contexto da nación-, centradas na prevención e contención do virus. Deste xeito, cando o 14 de marzo entrou en vigor o estado de alarma decretado polo Goberno de España, a inmensa maioría das medidas que nel se recollen xa estaban vixentes na Comunidade.

Nesta liña, Feijóo recordou, a modo de exemplo, algunhas das iniciativas postas en marcha polo Executivo galego no ámbito da contención, para tentar reducir os contaxios; no eido da dotación de medios, para estar mellor preparados para afrontar a pandemia; e en materia económica, para tentar reducir o impacto na economía e no emprego, e para que a recuperación poida producirse o antes posible e chegue a todos, especialmente aos que máis o necesitan.

O titular da Xunta subliñou que Galicia foi tamén unha das comunidades que defendeu con maior intensidade a necesidade de continuar cos PCR e poñer en marcha un sistema de probas rápidas desde os vehículos con cita previa, que estendeu de inmediato a todas as áreas sanitarias. “Para poder mantelo foi fundamental a adquisición de kits de diagnóstico, que seguimos a intentar comprar nestes momentos, cada vez con maior dificultade, dada a situación de demanda no mercado mundial”, matizou.

Nese obxectivo de adiantarse, lembrou tamén a aprobación antes da declaración do estado de alarma dun expediente urxente para a compra de diferentes subministros para a rede hospitalaria por importe de preto de 2 millóns de euros, aos que se sumaron a pasada semana, tras unha nova contratación por emerxencia, 1,2 millóns de euros. “E seguimos a xestionar a adquisición de máis material”, reiterou.

Feijóo recordou tamén o reforzo do persoal nos ámbitos das Urxencias hospitalarias, Medicina interna e Unidades de críticos e a creación dos equipos hospitalarios de Atención Domiciliaria. Así, os equipos de atención domiciliaria pasaron de 8 a 29, aos que se suman os 30 que están realizando as probas do COVID-19.

“E esta mesma semana actualizamos e ampliamos unha serie de protocolos clínicos para o persoal sanitario e asistencial”, afirmou, destacando a previsión e disposición do número total de camas que se destinarían en todas as áreas para atender a pacientes con coronavirus, e que se achegarían ás 4.000.

No eido das residencias de maiores e dos centros de discapacidade con internamento, o presidente do Goberno galego referiuse á posta en marcha esta mesma semana do Plan de residencias, a través do cal, e entre outras medidas, habilítanse dúas residencias integradas para a atención das persoas maiores usuarias deste servizo, que dean positivo por coronavirus e presenten unha situación de risco nos seus centros. Así mesmo, todas as residencias privadas pasan a ser tuteladas baixo seguimento sanitario.

“Aquí todos somos unha: Galicia”

O presidente da Xunta concluíu trasladando o pesar aos familiares e amigos que perderon aos seus seres queridos; así como o ánimo a todas as persoas que están a sufrir esta enfermidade nos hospitais e nas súas casas.

Nesta liña, aproveitou a súa intervención para expresar o orgullo pola resposta de toda a sociedade galega e polo traballo que están a desenvolver, entre outros: o persoal sanitario, o persoal de residencias e servizos sociais, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, o Exército, os traballadores dos servizos esenciais e os profesores, “que seguen botando unha man desde os seus domicilios”. E quixo tamén achegar unhas palabras de tranquilidade e agarimo aos maiores: “Non estades nin estaredes sós. Tedes a todo un país con vós”, sentenciou.

Así mesmo, e no tocante aos partidos políticos, expresou o convencemento de que o mesmo entendemento que fixo posible acadar unha solución para suspender a cita electoral do 5 de abril, continuará e prevalecerá por riba de calquera interese partidista ou electoral. “Aquí xa non pode haber candidaturas nin candidatos. Aquí xa non pode haber cores nin siglas. Aquí todos somos unha: Galicia”, subliñou.

“Estamos ante unha situación extraordinaria, que require dunha resposta extraordinaria”, abundou, asegurando que o Goberno galego seguirá informando con transparencia, da evolución da situación a todos os galegos, e centrado en “ver o que todos podemos facer xuntos”.

Imaxes relacionadas