A Xunta amplía as axudas para fomentar a agricultura de precisión e a economía circular no sector agrario a través dos fondos Next Generation ata os 25,8 M€

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se amplían as axudas

As axudas foron convocadas o 2 de maio de 2022 e amplíanse agora á vista das solicitudes recibidas

Estas achegas están financiadas con Fondos Next Generation, que derivan do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de ampliación das axudas da Consellería do Medio Rural para fomentar a agricultura de precisión, a eficiencia enerxética e a economía circular no sector agrario, cun orzamento de 25,8 millóns de euros.

 

Estas axudas foron convocadas orixinalmente o 2 de maio de 2022, cun presuposto de 7,41 millóns de euros. Á vista das solicitudes recibidas, hoxe publícase unha ampliación deste orzamento, ata acadar os 25,8 millóns. Esta orde de achegas está financiada con Fondos Next Generation, que derivan do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

 

En concreto, estas subvencións incidirán na xestión de estercos con 11,57 millóns euros -a partida orixinal era de 4,68-, e na agricultura de precisión con 13,37 millóns -o orzamento anterior era de 1,87-, segundo os presupostos distribuídos na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación do pasado mes de outubro. A cifra destinada aos invernadoiros e eficiencia enerxética mantense igual que na orde previa. Con estas achegas agárdase acadar avances significativos nalgúns ámbitos, como na mellora na xestión de xurros e na eficiencia enerxética das explotacións galegas.

 

No caso das axudas para a xestión de estercos, financiaranse investimentos nas explotacións gandeiras relacionadas coa adaptación ou cubrición das balsas ou depósitos exteriores novos ou existentes que reduzan os gases de efecto invernadoiro (como as fosas de xurro). O obxectivo é mellorar a xestión de xurros e estercos, fundamentalmente dende o punto de vista medioambiental. Canto aos invernadoiros, subvencionaranse investimentos para transformalos integralmente ou para modernizalos mediante, por exemplo, a automatización da ventilación, co gallo de mellorar a competitividade e a sustentabilidade dos cultivos de hortalizas, flor cortada e planta ornamental.

 

Sobre a eficiencia enerxética, sufragaranse investimentos en eficiencia e en fontes renovables como o illamento térmico ou as plantas de biogás, para mellorar a sustentabilidade económica e ambiental mediante a redución do consumo de enerxía allea nas explotacións agrarias. Por último, en relación coa agricultura de precisión, apoiaranse investimentos en agricultura e gandaría de precisión e en tecnoloxías 4.0, como pode ser a adquisición de sementadoras ou de diversos programas informáticos, co obxectivo de mellorar a seguridade alimentaria, a rendibilidade económica e a sustentabilidade ambiental. 

 

Estas achegas convócanse en réxime de concorrencia competitiva e os beneficiarios poderán ser, na maioría dos casos, as explotacións agrarias ou as súas entidades asociativas. Os investimentos que poden recibir subvención abranguerán fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipamentos fixos, a maquinaria e a dixitalización; mentres as porcentaxes subvencionables variarán entre o 40% e o 85% do proxecto.

 
Enlace á orde no DOG: