A Xunta destaca o papel do mercado ‘Artesanamente’ na posta en valor dos oficios tradicionais e das marcas artesanía de Galicia e Artesanía Alimentaria

A Fundación Artesanía de Galicia e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria colaboran na organización da primeira edición deste evento, que se celebrará os días 19, 20 e 21 de setembro en Santiago de Compostela, na sede de Afundación

O evento estrutúrase arredor dun espazo central que funcionará como mercado e no que participarán 25 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia e 23 empresas amparadas polo selo Artesanía Alimentaria

Ademais, contempla un completo programa de actividades que inclúe faladoiros de artesáns e demostracións en vivo da escola de cantería de Galicia, das redeiras de Corme e do zoqueiro Álvaro Pin

Santiago de Compostela, 16 de setembro

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a do Medio Rural, a través da Fundación Artesanía de Galicia e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, colaboran na organización da primeira edición do evento Artesanamente, que se celebrará os días 19, 20 e 21 de setembro en Santiago de Compostela, na sede de Afundación (rúa do Vilar, 19). Trátase dun encontro centrado na comercialización e na posta en valor dos oficios artesanais, da marca Artesanía de Galicia e dos produtos de proximidade amparados polo selo Artesanía Alimentaria.

Este proxecto, concibido como un mercado para dar visibilidade ao talento local, exemplifica as novas fórmulas de comercialización do produto artesanal galego e permite ao público achegarse aos oficios desde a perspectiva dos propios creadores a través de demostracións en vivo e presentacións a cargo dos artesáns.

O evento estrutúrase arredor dun espazo central que funcionará como mercado, no que participarán 25 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia especializados en forxa, tecido, madeira, elaboración de roupa e complementos de moda, coiro, cestería, elaboración de papel, cantería, xoiería, elaboración de velas, cerámica e instrumentos musicais. Os obradoiros de Artesanía de Galicia que participarán no mercado Artesanamente son os composteláns BJ Candle Studio, Jatafarta, Studio Variopinto, Xiana Cobo, Boina Galega e Acivro Xoias; os de Lugo Sopa de Nuez e Tres Caracoles; Marica da Berza (Abegondo); Jorge Eiroa (Culleredo); Pal.lium (Cangas); Néboa na ría (Sada); Boro (Ourense); Tuuinx (Ames), D Rositas (Rois), Asociación Redeiras Illa da Estrela de Corme (Ponteceso); Feltralía (Narón); Capixuta (A Estrada); GSC Petrum (Cuntis); Logaro (Ourense); Casperlota Atelier (Paderne); Eferro (Vila de Cruces); Susana Anta (A Coruña) e Xaneco (Outeiro de Rei). O mercado estará aberto ao público na sede de Afundación en horario de 11,00 a 14,00h e de 17,00 a 22,00 h.

Ademais, tamén se contará coa participación de 23 empresas inscritas dentro do selo Artesanía Alimentaria, pertencentes a diferentes sectores do ámbito agroalimentario. Estarán presentes A Morena Marmeladas (Lugo), Aceiroga (Quiroga), Aceites Figueiredo (Ribas de Sil), Adegas Celme (Castrelo de Miño), Ánades Galicia (Vilardevós), As Camposeiras (Oleiros), Miel Casa Merche (San Cibrao das Viñas), Cervexa Menduíña (Cangas), Do Gaiteiro (Lalín), Embutidos Suarna (Navia de Suarna), Galletas Xianas (Taboada), Jamones González (Lugo), Jardín de Té Pazo de Quinteiro da Cruz (Ribadumia), Nela Gourmet (San Cristovo de Cea), Licores Os Maios (Leiro), O Rexo (Allariz), Quesos Feijoo (Celanova), Raizame (A Coruña), Sacra Pan (Taboada), Torta de Sarria (Sarria), Trasdeza Natur (Silleda), Xacobleas (Barro), Xearte Brigitte (Santiago de Compostela).

Programa de actividades

O programa de actividades, presentado hoxe en rolda de prensa no Pazo de Raxoi coa participación da subdirectora xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial, Laura Fontenla; e co xefe da área de Calidade Alimentaria, Ricardo Rivas, inclúe tamén faladoiros, debates e presentacións vinculados aos oficios artesanais. No exterior instalarase un espazo para demostracións en vivo do CIFP Cantería de Galicia (Poio) o venres pola mañá, da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme (Ponteceso) o sábado pola tarde, así como do artesán Álvaro Pin (Castroverde), que realizará unha demostración de elaboración de zocas.

O venres pola tarde está prevista unha conferencia do deseñador de moda Lorenzo Caprile, que terá lugar a partir das 17,30 h. no auditorio do CGAC (rúa Valle Inclán, 2) e a partir das 20,00 h. na sede de Afundación celebrarase unha charla sobre o cuño de Artesanía Alimentaria en Galicia a cargo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que ao día seguinte presentará a web experienciasdecalidade.gal a partir das 12,30 horas, na que se ofrecen produtos con selo de calidade diferenciada. Na tarde do sábado, a artesá Lola García, do obradoiro Logaro, presentará a súa colección Prímula e falará sobre tradición e vangarda no téxtil contemporáneo.

O domingo pola mañá terá lugar o faladoiro O traxe: intramuros e extramuros, a cargo da asociación do traxe galego, ás 11.00 h., e unha hora máis tarde Elena Ferro e Álvaro Pin falarán sobre Os zocos dignificados.

Data de actualización: 16/09/2025