A Xunta convoca o programa Talento Mozo con novos compromisos de inserción e prioridade nos apoios á contratación para facilitar a entrada nas empresas
O DOG publica hoxe os novos programas de emprego e formación para persoas do Sistema nacional de garantía xuvenil (6,6 M€), que priorizarán os sectores laborais con máis demanda para reforzar a conexión co tecido produtivo
Dirixida a concellos e mancomunidades, a orde estrea a obriga de que as entidades colaboren coas empresas para inserir polo menos dúas ou tres persoas en función do tamaño do proxecto, valorándose que os compromisos de colocación sexan maiores
Ademais, os participantes serán primados por primeira vez en axudas á contratación como as do programa Galicia Suma Talento: Emprégate, dentro da aposta da Xunta por facilitar a súa entrada e consolidación nas empresas galegas
A previsión é beneficiar 208 mozos e mozas de entre 18 e 29 anos con 13 accións de 12 meses de duración entre 2026 e 2027 que combinarán formación e traballo efectivo en beneficio das infraestruturas e servizos das súas respectivas contornas
Para axilizar a convocatoria, simplifícase o procedemento de solicitude —cuxo prazo se prolongará un mes desde mañá— e recórtase o prazo de resolución de 5 a 4 meses, ademais de incluírse a posibilidade dun anticipo de ata o 100 % da anualidade de 2026
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os redeseñados programas de formación e emprego para a mocidade (6,6 M€), que reforzan a incorporación ao mercado de traballo das persoas participantes a través de novos compromisos de inserción e de prioridade nas axudas á contratación, primando ademais os sectores con máis demanda para atender as necesidades do tecido produtivo. O novo programa Talento Mozo enmárcase na renovación integral das políticas activas de emprego para pechar o círculo da empregabilidade, proporcionando aos mozos e mozas que rematen con éxito estas accións impulsadas pola Xunta un peto de cartos públicos —materializados na formación recibida e nos apoios á contratación— co obxecto de facilitar a súa entrada e consolidación nas empresas galegas.
Polo tanto, os cambios nesta iniciativa —que prevé beneficiar 208 persoas de entre 18 e 29 anos inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil con programas de 12 meses de duración entre 2026 e 2027— fortalecen tanto as oportunidades laborais como a conexión directa co que precisa o tecido produtivo de cada territorio a través das entidades locais solicitantes —que deberán coordinarse coas empresas para garantir un mínimo de inserción—, incidindo ademais coas súas actuacións nas infraestruturas e servizos públicos, coa conseguinte mellora na calidade de vida das respectivas contornas. Nese senso, co fin de axilizar os traballos executados no marco dos programas, simplifícase tamén como novidade o procedemento de solicitude —cuxo prazo se prolongará un mes desde mañá— e recórtase o prazo de resolución das axudas.
Nesta convocatoria enmarcada no Programa Operativo FSE+ Galicia 2021-2027, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus, a Xunta encárgase de subvencionar os custos da formación (medios, materiais, contratación de persoal, etc.), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo que se subscriben co alumnado.
Novidades da convocatoria de Talento Mozo
No referido aos criterios de valoración, na nova orde diferénciase entre os relativos ás entidades solicitantes —concellos e mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a eles, primándose os proxectos a cargo de agrupacións de concellos ou de concellos resultantes dunha fusión— e os relacionados coa calidade do proxecto e coa adecuación do plan de formación ás necesidades do mercado de traballo. Neste segundo grupo, valorarase a impartición de formacións en especialidades con nivel alto ou medio de inserción laboral, así como os compromisos de colocación superiores ao mínimo establecido na orde de convocatoria.
Nese sentido, inclúese como novidade a obriga de que as entidades promotoras insiran no mercado polo menos dúas ou tres persoas, en función de se o proxecto ten entre 10 e 12 participantes ou entre 13 e 16. Mentres, co obxectivo de axilizar a convocatoria, simplifícase a memoria dos proxectos no procedemento de solicitude e recórtase o prazo de resolución de 5 a 4 meses. A maiores, unha vez aprobada a axuda, contémplase que as entidades poidan solicitar un anticipo de ata o 100 % da anualidade 2026.
Compromiso coa empregabilidade real e a conexión coas empresas
As persoas participantes nos programas Talento Mozo serán priorizadas en axudas á contratación como as do programa actualmente aberto Galicia Suma Talento: Emprégate (19,7 M€), que conta cunha liña concreta para a mocidade e que por primeira vez primará a contratación das persoas desempregadas que teñan participado con éxito en programas de formación autonómicos.
A actuación forma parte da aposta da Xunta de Galicia pola empregabilidade na que se inclúe a reformulación integral doutras ordes como a dos obradoiros duais de emprego (48,1 M€), que este ano tamén incorpora novidades a prol da inserción laboral como máis incentivos á contratación para as empresas da contorna vencelladas á temática dos obradoiros, ademais de incentivos para os concellos solicitantes.
Ligazon á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260327/AnuncioG0767-110326-0001_gl.html