A Xunta pon en valor o impacto das axudas ao comercio local con 4 M€ mobilizados este ano para a súa modernización e dixitalización

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, respondeu na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo unha pregunta relativa a esta convocatoria enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030

Puxo en valor o alto grao de execución desta folla de ruta autonómica a prol da competitividade do comercio galego, que acada xa un grao de execución do 75 %, con 50 das 74 accións en curso

Indicou que a orde de axudas ao sector acadou nesta edición un 100 % de execución, con achegas para a mellora estética e funcional dos establecementos comerciais, para a dixitalización dos negocios e para a sustentabilidade ambiental

Destaca o apoio de 2,5 M€ aos centros comerciais abertos en 54 cidades e vilas galegas para seguir impulsando a excelencia destas entidades, destacando os galardóns dos CCA de Ribadeo e Marín nos recentes Premios Nacionais de Comercio

Puxo en valor outras medidas do Plan estratéxico como a iniciativa ‘Localízate’, dirixida á mocidade de ESO e FP Básica e no marco da que se están a realizar actualmente xincanas nas sete cidades galegas, a próxima o martes 12 en Ourense

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, respondeu na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento unha pregunta relativa ao balance da convocatoria de axudas de 2026 destinadas ao impulso da innovación, modernización e sostibilidade do comercio local e artesanal, así como ao desenvolvemento do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que acada xa un grao de execución do 75 %, con 50 das 74 accións en curso.

No relativo ás axudas ao tecido comercial, cunha dotación de 4 M€ este ano e un grao de execución do 100 %, o director xeral sinalou que o éxito da convocatoria se debe principalmente á simplificación administrativa, á escoita activa e á adaptación constante aos requirimentos do sector. Neste senso, explicou que a orde integra tres grandes liñas de apoio: a mellora estética e funcional dos establecementos comerciais, con axudas de ata 15.000 euros; a dixitalización dos negocios, con achegas de ata 16.000 euros para a mellora de ferramentas tecnolóxicas, presenza dixital e adaptación á facturación electrónica; e a sustentabilidade ambiental, con axudas de ata 2.000 euros para materiais de empaquetado ecolóxicos e reciclados. O conxunto destas actuacións pode acadar unha financiación de ata 33.000 euros por comercio, cunha intensidade de axuda do 80 %.

Como mostra do acompañamento permanente ao tecido comercial, Gabriel Alén puxo tamén en valor outras actuacións encamiñadas á dixitalización para impulsar a súa competitividade, como as xornadas de experimentación tecnolóxica desenvolvidas a finais do pasado ano en colaboración con Gaiástech, que permitiron achegar novas ferramentas dixitais ao sector e que se estenderán a distintos puntos de Galicia co obxectivo de divulgar boas prácticas, fomentar a innovación e compartir experiencias de éxito.

Así mesmo, destacou o apoio decidido do Goberno galego ao asociacionismo comercial, subliñando as achegas aos centros comerciais abertos (CCA), cun investimento próximo aos 2,5 M€ en 54 cidades e vilas galegas, co fin de dinamizar e profesionalizar o comercio local. Neste senso, e como mostra da excelencia galega, destacou o galardón e a mención honorífica —respectivamente—que veñen de recibir os CCAs de Ribadeo e Marín nos Premios Nacionais de Comercio. Tamén salientou a colaboración coa Federación Galega de Comercio a través de campañas xa consolidadas como Días Azuis e Merca no teu comercio, así como o novo campus formativo xa en marcha, adaptado ás necesidades reais dos comerciantes e orientado á mellora da súa competitividade.

Impulso dos recintos feirais

Na súa intervención no Parlamento, Alén referiuse tamén ao novo proxecto transfronteirizo Digital Expo, orientado a fortalecer a competitividade e a innovación dos recintos feirais. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa Interreg POCTEP (España-Portugal), liderada pola Xunta e na que tamén participan Expourense, a Universidade de Vigo, a Cámara Municipal de Viana do Castelo, a Cámara Municipal de Ponte de Lima e a Cámara Municipal de Arcos de Valdevez. O proxecto céntrase na aplicación da intelixencia artificial e das novas tecnoloxías ao comercio local e aos recintos feirais, co obxectivo de mellorar a xestión, a experiencia de compra e a eficiencia dos establecementos.

Plan estratéxico do comercio de Galicia

Finalmente, o director xeral subliñou outras medidas recollidas no Plan estratéxico do comercio de Galicia, entre as que destacou o apoio ás prazas de abastos, proxectos de dinamización comercial de vilas senlleiras como o piloto de Vivas Vivas en Ribadavia ou a iniciativa Localízate, dirixida á mocidade de ESO e FP Básica. Este curso inscribíronse máis 2.500 alumnos para fase desenvolvida nos centros educativos na que elaboraron propostas para impulsar o comercio local e, actualmente, preto de 1.000 —cos traballos mellor valorados na aula— están a realizar xincanas nas principais prazas de abastos e zonas comerciais das sete cidades galegas. O próximo martes 12 será a quenda de Ourense. Ademais, reiterou as demandas ao Goberno central de cara a unha maior colaboración e asignación de fondos europeos para impulsar o comercio local e potenciar as medidas eficaces que está a desenvolver en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2026