Medio rural destina máis de 16 M€ ao financiamento de 36 proxectos de transformación e comercialización de produtos agrarios
Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia a resolución destas axudas, que contan con dúas liñas subvencionables, unha centrada no investimento de produtos agrarios; e outra para investimentos con obxectivos ambientais
Con estas axudas, a Xunta reforza o seu apoio ao desenvolvemento das industrias agroalimentarias, cunha liña á que se destinaron 195 millóns de euros na última década
Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2026
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Así, a Xunta apoia a 36 novos proxectos, reforzando o seu compromiso co sector primario e pola coa xeración de valor engadido neste eido.
A convocatoria deste ano é a primeira que conta con dúas liñas subvencionables, unha centrada na concesión de achegas que aumenten o valor das producións agrarias, que incrementou o seu orzamento ata os 15 millóns de euros; e outra novidosa para investimentos con obxectivos ambientais, dotada con 7,9 millóns de euros. Neste sentido, as axudas contan cun orzamento total de 23 millóns de euros ata o ano 2028, cando nun inicio estaba previsto investir 19 millóns.
Por unha banda, atópanse os investimentos dirixidos a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro na industria, no procesamento de biomasa agrícola para a produción de enerxía; así como a incorporación de enerxías alternativas na industria agroalimentaria; investimentos en xeral, que permitan mellorar a eficiencia enerxética.
A segunda das liñas é a relativa ao ámbito da transformación e da comercialización de produtos agroalimentarios que busquen, entre outros obxectivos, mellorar o rendemento e desenvolvemento económico das empresas; fomentar os produtos de calidade e potenciar a súa competitividade en novos mercados.
Cómpre lembrar o apoio do Goberno galego neste ámbito, ao que se levan destinado 195 millóns de euros dende o ano 2016 para financiamento de máis de 600 proxectos. A maioría dos beneficiarios destas achegas pertencen ao sector lácteo e cárnico.
Ligazón á resolución:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260824/AnuncioG0426-190826-0002_gl.html