Ferramentas para o teletraballo

A Xunta de Galicia conta con ferramentas propias que facilitan o traballo desde fóra do seu posto habitual. Moitas delas están accesibles desde internet, sen necesidade de acceder á rede interna, como o correo corporativo, o portal do empregado PortaX e o portal de axuda AxudoT, así como outras ferramentas transversais ou específicas da súa área de traballo. Se a ferramenta que quere empregar require conexión á rede interna, siga os pasos da páxina "Como conectarse á rede da Xunta?".

Para unha relación máis ampla dos recursos dispoñibles, consulte o apartado "Ferramentas" da intranet corporativa: https://intranet.xunta.gal/ferramentas.

Videoconferencia e salas virtuais de reunións

As comunicacións a través de videoconferencias simulan reunións presenciais, nas que poden participar persoas de dentro e fóra da organización. Se é unha das persoas convocadas simplemente ten que conectarse ao enderezo que reciba coa convocatoria e participar. Se quere convocar reunións, necesitará solicitar a alta nalgunha das aplicacións corporativas empregadas para este fin.

As ferramentas dispoñibles para videoconferencias permiten compartir a pantalla do equipo, co que se apoia visualmente a conversa (para mostrar presentacións, documentos, pantallas de aplicacións ou portais...). Tamén é posible que unha persoa acceda mediante unha chamada telefónica. As utilidades destas aplicacións fan que a reunión transcorra como se fose de xeito presencial, recomendándose neste caso dispor de cámara web, altofalante e micrófono.

Compartir arquivos

Tamén dispón de ferramentas que lle permiten compartir arquivos. Se dispón de acceso á rede corporativa da Xunta pode utilizar XuntArquivos, que lle permite enviar ou recibir ficheiros de gran tamaño, ou opcións como AmtegaBox para compartir documentación.

Sinatura electrónica

A sinatura electrónica de documentos pode facerse desde a casa. Unha vez conectadas á VPN tanto as persoas que poñen documentos á firma como as que os asinan dispoñen de acceso ao portasinaturas corporativo. Para asinar é necesario dispor dun certificado electrónico: pode utilizar a súa tarxeta de empregado/a público/a ou outro certificado recoñecido, como por exemplo da FNTM.

Tamén pode asinar documentos con persoas alleas á organización (outras administracións, empresas...), para o que dispón do servizo de Sala de Sinaturas.

Tramitación electrónica

A maioría das ferramentas utilizadas no ámbito da administración electrónica van requirir de acceso á rede interna da Xunta de Galicia por razóns de seguridade, confidencialidade, interoperabilidade... Asinar electronicamente, xestionar expedientes no seu sistema de tramitación habitual, enviar notificacións electrónicas ou consultar as plataformas de intermediación de datos son exemplos de tarefas compatibles coa modalidade de teletraballo. Para poder usalas, siga os pasos descritos na páxina "Como conectarse á rede da Xunta?".