O conselleiro de Ciencia inaugurou a xornada de presentación dos proxectos candidatos á Compra Pública de Innovación para consultas preliminares do mercado

A Xunta busca solucións innovadoras para mellorar a prestación de servizos públicos á cidadanía

Seis consellerías presentan os seus proxectos a empresas, organismos de investigación e centros tecnolóxicos para coñecer o grao de desenvolvemento destas tecnoloxías no mercado

Estes proxectos, que aspiran a fondos europeos a través da Liña FID, confirman o carácter transversal da innovación no Goberno galego

Galicia consolida o seu liderado a nivel estatal tras captar máis de 42M€ na convocatoria de 2024 para desenvolver 8 proxectos que mobilizan 70M€

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a xornada de presentación das consultas preliminares do mercado dos proxectos da Xunta de Galicia aspirantes á Compra Pública de Innovación a través da convocatoria 2025 da liña de fomento da innovación desde a demanda. Nesta xornada, seis departamentos do Goberno autonómico presentaron outros tantos proxectos e as súas necesidades a  empresas, organismos de investigación e centros tecnolóxicos para coñecer cal é o grao de desenvolvemento destas tecnoloxías no mercado e definir así a futura licitación.

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou a ferramenta da Compra Pública de Innovación como “o mellor instrumento do que dispón a Administración para impulsar o desenvolvemento do territorio desde a innovación”. Entre as vantaxes deste instrumento, apuntou que permite “responder dun xeito eficaz a retos públicos complexos, mellorar a prestación de servizos públicos á cidadanía, fortalecer o tecido empresarial innovador e promover a cultura da innovación na administración”.

Neste senso, remarcou o carácter pioneiro de Galicia no uso deste instrumento, así como o liderado a nivel estatal, onde a Comunidade captou máis de 42 millóns de euros na última convocatoria desta liña de axudas a través de oito proxectos (case a metade dos proxectos apoiados en toda España) que están a mobilizar máis de 70 millóns de euros. Ademais, sinalou que desde 2010 Galicia leva investidos 400 millóns de euros nesta materia e recibido numerosos recoñecementos a nivel internacional e estatal. 

Por último, o titular de Ciencia confirmou que a Xunta seguirá apostando firmemente por esta vía de fomento da innovación desde a demanda e que, na convocatoria de 2025 da liña FID, trabállase na presentación de seis proxectos das consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático; Política Social e Igualdade; Emprego, Comercio e Emigración; Medio Rural; Mar, e Educación, Ciencia, Universidades e FP orzamentados en máis de 31 millóns de euros. Durante a xornada participaron neste evento, entre outros, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez.

Proxectos por consellerías

Ao longo da xornada, representantes de cada consellería deron a coñecer os proxectos candidatos a presentarse a Compra Pública de Innovación. A primeira proposta que se deu a coñecer foi a de Medio Rural, NeoLab3, co que queren transformar os laboratorios e as unidades de investigación mediante intelixencia artificial para reforzar a sanidade da cabana gandeira e a saúde dos solos agrarios, así como a seguridade alimentaria, a trazabilidade e a calidade dos produtos agroalimentarios galegos.

Pola súa banda, a Consellería de Mar propón un xemelgo dixital do mar, unha simulación para un modelado e planificación do control de actuacións no medio mariño. Farase deseñando solucións innovadoras que permitan abordar a monitorización do estado do mar incluíndo a contaminación mariña, das capturas e das posibilidades de predición da comercialización.

A Consellería de Educación aposta por un sistema integral de intelixencia artificial no eido da Formación Profesional, XenIAgal. Os obxectivos son a adaptación da FP integrando a intelixencia artificial e tecnoloxías inmersivas, a capacitación no uso de tecnoloxías emerxentes e a orientación profesional personalizada con intelixencia artificial.

No caso da Consellería de Emprego, búscase desenvolver unha plataforma integrada de datos para a xestión do traballo na área de emprego, para a toma de decisións baseadas en evidencias e análise de precisión e para desenvolver un sistema de apoio á decisión baseado en IA.

No que atinxe á Consellería de Medio Ambiente, proponse un sistema de monitorización global de ríos por satélite cos obxectivos de mellorar a xestión e planificación dos recursos hídricos e de facilitar a estimación destes recursos, a identificación do alcance das inundacións e o seguimento máis efectivo de eventos extremos, como secas.

Finalmente, a Consellería de Política Social e Igualdade busca desenvolver solucións innovadoras que permitan detectar, monitorizar e mitigar a soidade non desexada empregando as capacidades das novas tecnoloxías. Deste xeito, preténdese a detección temperá, o desenvolvemento de asistentes virtuais, o estímulo da interacción social e o apoio na toma de decisións das administracións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2025