Formación
Un dos aspectos básicos que fixa a Lei 31/1995, de 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais (LPRL) é, sen lugar a dúbida, a formación dos traballadores e traballadoras. Este precepto ven recollido no artigo 14, como un “dereito á protección fronte ós riscos laborais”.
Este dereito tamén está recollido no artigo 19 da mesma lei: “en cumprimento do deber de protección, o/a empresario/a deberá de garantir que cada traballador/a reciba unha formación teórica e práctica, suficientemente axeitada en materia preventiva, tanto no momento da súa contratación, calquera que sexa a modalidade ou duración de esta, como cando se produzan cambios nas funcións que desempeñe ou se introduzan novas tecnoloxías ou cambios nos equipos de traballo. A formación deberá estar centrada especificamente no posto de traballo en función de cada traballador/a, adaptarse á evolución dos riscos e á aparición de outros novos e repetirse periodicamente, se fose necesario.”
O Real Decreto 39/1997, de 17 de xaneiro, polo que se aproba Regulamento dos Servizos de Prevención (RSP), determina no seu artigo 34 as funcións que integran esta actividade clasificándoas en tres niveis:
- Nivel básico
- Nivel intermedio
- Nivel superior
O Servizo de Prevención de Riscos Laborais está en disposición de desempeñar as funcións relativas a cada nivel, xa que os seus membros contan coa formación recollida nos anexos IV, V e VI do RSP.
O servizo de Prevención de Riscos Laborais, estrutura a formación segundo a actuación formativa que se describe a continuación:
- Formación dos membros dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral que aínda non posúan a formación de nivel básico, a través de cursos de 50 horas (modalidade a distancia), segundo o recollido no acordo sobre dereitos de participación dos traballadores/as ao servizo da Administración da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais.
- Formación aos traballadores/as que integrarán os Grupos de Acción (equipos de alarma e evacuación, equipos de primeira intervención, equipos de primeiros auxilios). Dándolle un pulo á implantación dos plans e medidas de emerxencia e evacuación, abarcará colectivos que prestan servizos en edificios administrativos, xudiciais, centros asistenciais, etc.
- Cursos de formación específica para os/as traballadores/as dos centros de traballo incluídos no programa de actuación do Servizo de Prevención de Riscos Laborais, segundo os riscos atopados nas avaliacións, realizaranse cursos específicos para o persoal das brigadas de estradas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, para o persoal das residencias da 3ª Idade con respecto aos riscos de mobilización de pacientes, ou para o persoal veterinario da Xunta de Galicia, entre outros.
- Estes serán os tres grandes campos de actuación dentro do programa de formación en materia de prevención de riscos laborais do Servizo de Prevención, que por outra parte e dado que a temporalidade é dun ano xa se veñen impartindo dende o primeiro semestre de 2007.
Ligazóns relacionadas
Documentos relacionados
-
Orde do 21 de abril de 2010, DOG de 4 de maio, pola que se regula o proceso para formación inicial en materia de prevención de riscos laborais para o persoal funcionario e laboral da administración que accede á Xunta de Galicia a través dun proceso selectivo