METODOLOXÍA

Fase 1. Identificación xeral dos riscos laborais

Esta fase ten por obxecto a identificación xeral dos riscos na empresa. A unidade de estudo dos riscos é o posto de traballo, entendendo como tal o conxunto de operacións desenvolvidas por un/unha traballador/a ao longo da súa xornada laboral, das máquinas, ferramentas, substancias etc. que emprega ou coas que se relaciona e das características do seu contorno.

É preciso saber que cada posto de traballo se pode referir a máis dun traballador ou traballadora se as características e riscos son sensiblemente iguais.

Da mesma maneira será posible considerar un posto de traballo chamado xenérico que incluiría os riscos comúns aos/ás traballadores/as da empresa ou dun sector grande dela.

Esta fase desenvólvese mediante a Ficha 1; na ficha marcaranse para cada posto de traballo cun X os posibles riscos segundo: forma do accidente, enfermidade ou circunstancias especiais.

Código de forma do accidente (para Ficha 1). Segundo a forma na que o risco pode xerar un accidente:

  • 01. Caída de persoas a distinto nivel. Inclúe tanto as caídas dende alturas (edificios, ventás, árbores, máquinas, vehículos etc.) como en profundidades (pontes, escavacións).
  • 02. Caída de persoas ao mesmo nivel. Inclúe caídas en lugares de tránsito ou superficies de traballo, e caídas sobre ou contra obxectos.
  • 03. Caída de obxectos por derrubamento. Abrangue as caídas dende edificios, muros, ventás, escaleiras, montóns de mercadorías etc. e desprendementos de terras, rochas etc.
  • 04. Caída de obxectos por manipulación. Abrangue as caídas de materiais etc. sobre un traballador, sempre que o accidentado sexa a mesma persoa á que se lle cae o obxecto que está manexando.
  • 05. Caída de obxectos desprendidos. Abrangue as caídas de ferramentas, materiais etc. sobre un traballador, sempre que este non os estivese manexando.
  • 06. Pisadas sobre obxectos. Inclúen os accidentes que dan lugar a lesións como consecuencia de pisadas sobre obxectos cortantes ou punzantes.
  • 07. Golpes contar obxectos inmóbiles. Considera o traballador como unha parte dinámica, é dicir, que intervén dunha maneira directa e activa, batendo contra un obxecto que non estaba en movemento.
  • 08. Golpes e contactos con elementos móbiles da máquina. O traballador recibe golpes etc. ocasionados por elementos móbiles de máquinas e instalacións. Non se inclúen os atrapamentos. Por exemplo, cortes con serra de disco.
  • 09. Golpes por obxectos ou ferramentas. O traballador lesiónase cun obxecto ou ferramenta que é movido por unha forza diferente á gravidade. Inclúense marteladas, golpes con outros obxectos ou ferramentas (pedras, ferros etc.), non se inclúen os golpes pola caída de obxectos.
  • 10. Proxección de fragmentos ou partículas. Abrangue os accidentes debidos á proxección sobre o traballador de partículas ou fragmentos voadores, procedentes de máquinas ou ferramentas.
  • 11. Atrapamento por ou entre obxectos. Pezas de máquinas, diversos materiais etc.
  • 12. Atrapamentos por volta de máquinas. Inclúen os atrapamentos debidos ás voltas de tractores, vehículos ou outras máquinas que deixen o traballador lesionado.
  • 13. Sobreesforzos. Accidentes orixinados polo emprego de carretas ou por movementos mal realizados.
  • 14. Exposición a temperaturas extremas. Accidentes causados por alteracións fisiolóxicas ao atoparse os traballadores nun ambiente excesivamente frío ou quente.
  • 15. Contactos térmicos. Accidentes debidos ás temperaturas externas que teñen os obxectos que entran en contacto con calquera parte do corpo (líquidos ou sólidos).
  • 16. Contactos eléctricos. Inclúense todos os accidentes dos que a súa causa é a electricidade.
  • 17. Inhalación ou inxestión de substancias nocivas. Accidentes causados polo estado dunha atmosfera tóxica ou pola inxestión de produtos nocivos. Inclúense asfixias e afogos.
  • 18. Contactos con substancias cáusticas e/ou corrosivas. Accidentes por contactos con substancias e produtos que dan lugar a lesións externas.
  • 19. Exposicións a radiación. inclúense tanto as ionizantes como as non ionizantes.
  • 20. Explosións. Accións que dan lugar a lesións causadas pola onda expansiva ou polos seus efectos secundarios.
  • 21. Lume. Accidentes producidos polos efectos do lume ou das súas consecuencias.
  • 22. Causados por seres vivos. Inclúense os accidentes causados directamente por persoas ou animais, como agresións, patadas, picaduras, mordeduras...
  • 23. Atropelos, golpes e choques contra vehículos. Abrangue os atropelos de persoas por vehículos, así como os accidentes nos que o traballador lesionado vai contra o vehículo ou vehículos. Non se inclúen os accidentes de tránsito.
  • 24. Accidentes de tráfico. Esta liña abrangue os accidentes de tráfico ocorridos dentro do horario laboral, independentemente que estean relacionados co traballo cotián ou non.
  • 25. Causas naturais. Inclúense os accidentes ocorridos no centro de traballo, que non son consecuencia do propio traballo senón debidos a causas naturais que tamén se poden dar fóra. Por exemplo, infarto de miocardio, anxina de peito etc.
  • 26. Outras. Calquera outra forma de accidente non incluída nas anteriores.

 

Código de forma de enfermidade (para ficha 1). Segundo se poida xerar polos seguintes tipos de axentes:

  • 27. Axentes químicos. Están constituídos por materia inerte (non viva) e pódense presentar no aire baixo formas diversas (po, gas, vapor, fume etc.).
  • 28. Axentes físicos. Están constituídos polas diversas manifestacións enerxéticas, como o ruído, as vibracións, as radiacións ionizantes, as radicacións térmicas etc.
  • 29. Axentes biolóxicos. Están constituídos por seres vivos, como os virus, as bacterias, os fungos e os parasitos.
  • 30. Outras circunstancias. Calquera outra enfermidade non incluída nas liñas anteriores.