ORGANIZACIÓN PREVENTIVA DA XUNTA DE GALICIA
Política de seguridade e saúde laboral

A política de prevención de riscos laborais representa un compromiso que debe ser asumido polo máis alto estamento executivo fronte ao colectivo dos traballadores e das traballadoras, e da sociedade en xeral. A política preventiva inflúe en todas as actividades e decisións, incluíndo aquelas relacionadas coa asignación de recursos, información, deseño e funcionamento de sistemas de traballo, e o deseño e a subministración de produtos e servizos.

Tendo consciencia de que a consecución dunha política de prevención de riscos laborais axeitada ás necesidades de traballadoras e traballadores é un obxectivo primordial na nosa Administración, asumimos a responsabilidade de integrar a prevención de riscos laborais no sistema xeral de xestión mediante a implantación e aplicación deste Plan de Prevención que debe garantir a seguridade e saúde e a igualdade de oportunidades do persoal ao servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia.

Expresamos o noso compromiso no cumprimento dos seguintes principios e obxectivos fundamentais:

  • A prevención de accidentes e enfermidades profesionais e doutros efectos prexudiciais para a saúde relacionados co traballo.
  • A prioritaria atención ao mandato legal da introdución transversal do principio de igualdade de oportunidades.
  • A promoción da saúde de todo o persoal ao servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia atendendo ás necesidades diferenciais que poden producirse por razón de sexo.
  • O cumprimento desde o enfoque de xénero dos requisitos legais en materia de seguridade e saúde laboral e dos programas de protección e prevención que subscriba a Xunta de Galicia.
  • O recoñecemento de que a igualdade na seguridade e saúde forma parte integrante do sistema xeral de xestión.
  • A prescrición de que todas as persoas membros da organización consideren a xestión da seguridade e saúde e a súa incidencia en mulleres e homes como unha responsabilidade prioritaria.
  • A asignación de deberes, responsabilidades e obrigas en materia de seguridade e saúde na estrutura da organización.
  • A participación e información de todos os traballadores e as traballadoras, así como o dereito a que se lles consulte con respecto á planificación e aplicación, á avaliación e acción da xestión da prevención e á adecuación das mesmas ás necesidades das persoas de ambos sexos.
  • A formación e información á dirección e ao persoal traballador co fin de que sexan competentes para o cumprimento dos deberes e responsabilidades que teñan asignados e que entendan os seus dereitos.
  • A asignación dos recursos necesarios, humanos, financeiros ou doutra índole, para aplicar o Plan de Prevención de Riscos Laborais tendo en conta a perspectiva da igualdade de oportunidades.
  • A mellora continua no desenvolvemento e aplicación do Plan de Prevención de Riscos Laborais e a súa adecuación á seguridade e saúde laboral de traballadores e traballadoras.
  • Difundir a política de seguridade e saúde laboral en todo o ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia.