Organización preventiva da Xunta

O Decreto 204/1997, do 24 de xullo, crea o Servizo de Prevención de Riscos Laborais para o persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia.

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, lexislación básica na materia, define no seu artigo 31 os servizos de prevención como o conxunto de medios humanos e materiais necesarios para realizar as actividades preventivas e garantir a protección da seguridade e a saúde dos traballadores e das traballadoras, precepto que vincula tanto ás entidades privadas como ás Administracións públicas.

Pola súa banda, o artigo 15.1 do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención, sinala literalmente que aqueles "constituirán unha unidade organizativa específica e os seus integrantes dedicarán de forma exclusiva a súa actividade á finalidade deste".

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais para o persoal ao servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia está adscrito á Subdirección Xeral de Coordinación de Servizos Transversais da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dando cobertura a toda a Administración, excepto:

  • Aos centros de ensino dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
  • Aos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde - Consellería de Sanidade, xa que en ambos os dous casos estas consellerías crearán e regularán os seus propios servizos de prevención de riscos laborais