Campaña de vixilancia periódica da saúde


Como podo solicitar o recoñecemento médico?

A convocatoria para anotarse, de xeito voluntario, aos recoñecementos anuais periódicos publícase normalmente a comezos de ano no Diario Oficial de Galicia. Nese momento ábrese o prazo para solicitar o recoñecemento médico para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galicia e, para realizar a inscrición previa, habilítase un formulario de petición de recoñecemento por medios electrónicos.

Podo modificar ou anular a solicitude?

Se precisa modificar ou anular a súa solicitude pode facelo a través da páxina http://srm.webriscos.xunta.es. En calquera caso, lembre que para poder modificar a data e a hora do recoñecemento debe telas previamente asignadas pola aplicación.

Que debo ter en conta para presentarme ao recoñecemento médico?

No momento de inscribirse para realizar a vixilancia da saúde obterá vostede un xustificante de consentimento que debe presentar na data concertada para o recoñecemento. Lembre que debe acudir en xaxún.

Quen pode solicitalo?

A campaña de vixilancia periódica da saúde é aplicable a todos/as os/as traballadores/as da Administración xeral da Xunta de Galicia, agás ao persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ao persoal dos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal das fundacións.

Que acontece se durante o período de inscrición estou de baixa ou de vacacións?

Sempre poderá presentar a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais para os seguintes supostos: persoal de nova incorporación, persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e persoal que, durante o prazo de solicitude, estea gozando das vacacións.

Que pasa se non puiden asistir á cita?

A falta de asistencia á cita implica que o/a traballador/a renuncia ao recoñecemento médico de forma voluntaria. Se non puido asistir por causa de forza maior, dispón de 5 días para xustificar esa ausencia ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

Quen me entrega os resultados do meu recoñecemento médico?

Os informes de vixilancia da saúde serán entregados a cada traballador/a polo Servizo de Prevención alleo. Os resultados, subscritos polo/a facultativo/a competente, serán tratados de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.