Petición de recoñecemento médico

A vixilancia da saúde consiste na observación do estado de saúde do persoal traballador en función dos riscos inherentes ao seu traballo.

Compartir
  • whatsapp

De acordo co disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, os/as empresarios/as deben garantir ao conxunto dos traballadores/as ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.

No ámbito da Administración autonómica, é función do Servizo de Prevención de Riscos Laborais realizar, entre outras funcións, esa vixilancia da saúde dos empregados e das empregadas públicos/as da Administración xeral da Xunta de Galicia. Segundo o definido na Orde do 25 de marzo de 2009 pola que se publican os procedementos de vixilancia da saúde, avaliación de riscos e xestión de emerxencias do Plan de prevención de riscos laborais da Administración xeral da Xunta de Galicia, esta vixilancia debe comprender:

  • Historia clínica en función dos riscos inherentes ao traballo
  • Exploración clínica que comprenderá o control da visión, espirometría, otoscopia, audiometría e electrocardiograma
  • Analítica de sangue e de urina
  • Exame médico para mulleres que comprenderá: estudo citolóxico, exploración mamaria e mamografía, se procede
  • Proba específica para homes maiores de 50 anos: determinación do antíxeno prostático en sangue (PSA)

A vixilancia da saúde só pode levarse a cabo cando a traballadora ou o traballador presten o seu consentimento, agás os casos previstos na lei de carácter obrigatorio. Ademais, para a realización dos recoñecementos médicos teranse en conta os riscos laborais presentes nos postos de traballo, para o que contará coa información ao respecto dispoñible: avaliacións de risco, resultados das investigacións de accidentes e enfermidades profesionais.

As medidas de vixilancia e control da saúde dos traballadores serán desenvolvidas por persoal sanitario cualificado e os resultados dos informes médicos trataranse de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, polo que se entregarán persoalmente en soporte papel ou telematicamente logo do consentimento do/a traballador/a.

As conclusións que deriven dos recoñecementos efectuados en relación coa aptitude das traballadores e traballadores para o desempeño do posto de traballo serán comunicadas ás persoas responsables do departamento ou centro de traballo.

Convocatoria periódica

Periodicamente, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes garántelle ao persoal traballador a vixilancia e control do estado da súa saúde mediante a publicación no DOG, ou calquera outro método que facilite a difusión, da convocatoria do anuncio dos recoñecementos médicos.

A solicitude faise de forma individualizada conforme estableza a convocatoria e, coa aplicación aquí dispoñible, xérase un xustificante de solicitude que debe presentarse debidamente cuberto e asinado ao persoal sanitario no momento da cita no centro médico que corresponda.

Para a campaña de 2023 o prazo de inscrición está aberto do 2 de febreiro ao 2 de xuño.

Contactos relacionados
  • Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Coruña
    Teléfono: 981 182 362
  • Servizo de Prevención de Riscos Laborais de Lugo
    Teléfono: 982 294 886
  • Servizo de Prevención de Riscos Laborais de Ourense
    Teléfono: 988 386 791
  • Servizo de Prevención de Riscos Laborais de Pontevedra
    Teléfono: 986 805 295
  • Servizo de Prevención de Riscos Laborais Santiago de Compostela
    Teléfono: 981 544 900