OUTROS PROCEDEMENTOS

Accidente de traballo e enfermidade profesional

Os pasos para seguir cando sufra un accidente de traballo son:

  • Asistir o máis rapidamente á persoa accidentada.
  • Para iso acuda ao centro de Ibermutua Gallega máis próximo.
  • No caso de que descoñeza onde se atopan situados os centros de Ibermutua Gallega, pode poñerse en contacto coa Liña de Atención Telefónica Integral 24 horas, 900 23 33 33, ou consultar a Rede de centros.
  • Se non atopa un centro Ibermutua Gallega próximo, acuda ao centro médico máis próximo.
  • Para axilizar os trámites, é conveniente que leve consigo e encha o Volante de solicitude de asistencia sanitaria (PDF 35 kb). Desta forma facilitarase a identificación. Se non fose posible levar este documento, non esqueza a súa tarxeta da Seguridade Social, o DNI ou calquera outro documento que o identifique e indique a que empresa pertence.

Tras recibir asistencia médica o/a traballador/a pode atoparse en dúas situacións:


1. O/a traballador/a só falta ao traballo o día do accidente e non causa baixa:


En caso de accidente de traballo, se o/a traballador/a só falta ao traballo o día do accidente e non causa baixa, a empresa deberá remitir a relación de accidentes de traballo ocorridos sen baixa médica nos cinco primeiros días hábiles do mes seguinte ao do accidente.
A notificación deste documento deberá realizarse a través do Sistema de Declaración Electrónica de Accidentes de Traballo (Sistema Delt@).


2. O/a traballador/a causa baixa
 

O/a traballador/a
En caso de accidente de traballo ou enfermidade profesional, deberá acudir aos servizos médicos de Ibermutua Gallega.
Tras a asistencia sanitaria, se non pode continuar coa súa actividade laboral, os servizos sanitarios de Ibermutua Gallega expediranlle o seu parte médico de baixa, por duplicado. Con el poderá acreditar ante a empresa que se atopa nunha situación que lle impide continuar traballando. A situación de baixa determina o principio das súas prestacións de incapacidade temporal.
O/a traballador/a quedará cun exemplar, mentres que o segundo entregarao na empresa nun prazo de tres días hábiles contados desde o mesmo día da expedición.
Ata a data de alta, entregará periodicamente os partes de confirmación de baixa á empresa no prazo de tres días hábiles desde a súa recepción.
 

A empresa
Cando a empresa reciba o parte médico de baixa, cubrirá o Parte de Accidente de traballo a través do Sistema de Declaración Electrónica de Accidentes de Traballo (Sistema Delt@) no prazo de cinco días hábiles despois da baixa.
Á súa vez, tramitará o parte de baixa no prazo de tres días hábiles desde a súa recepción a través do Sistema de Remisión Electrónica de Datos (RED).
Para resolver as dúbidas xurdidas ao encher os Partes de Accidente, pode poñerse en contacto co seu Centro de Ibermutua Gallega máis próximo (Rede de centros).
 

Parte médico de confirmación de baixa
Os partes de baixa e confirmación da baixa estenderanse en función do período de duración que estime o/a facultativo/a que o emite. A estes efectos, no Real Decreto 625/2014 establécense catro grupos de procesos en baixas en función da súa duración:

  • Duración estimada inferior a 5 días naturais: Ibermutua Gallega emitirá o parte de baixa e de alta na mesma visita.
  • Duración estimada de entre 5 e 30 días naturais: o primeiro parte de confirmación emitirase aos 7 días naturais tras a data de inicio da baixa. Os sucesivos, no prazo máximo de 14 días desde o parte anterior.
  • Entre 31 e 60 días naturais: o primeiro parte de confirmación emitirase aos 7 días tras o parte de baixa. Os sucesivos, no prazo máximo de 28 días desde o parte anterior.
  • Nos procesos de máis de 61 días naturais: o primeiro parte de confirmación emitirase aos 14 días tras o parte de baixa. Os sucesivos, no prazo máximo de 35 días desde o parte anterior. Cando o proceso chega a 365 días, pasa a ser controlado polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

Nos partes de confirmación constará a duración estimada da incapacidade temporal e a data do novo recoñecemento médico.
A empresa tramitará os partes de confirmación de baixa entregados polo/a traballador/a, vía Sistema REDE, no prazo de tres días hábiles desde a súa recepción.
 

Parte médico de alta
Cando as lesións sufridas polo/a accidentado/a estean curadas, Ibermutua Gallega emitirá o parte médico de alta laboral, debendo reincorporarse o/a accidentado/a ao seu posto de traballo o día seguinte á alta, entregando á empresa o devandito parte. Este parte tramitarase polo Sistema Rede no prazo de tres días hábiles desde a recepción, da mesma forma que o de baixa (consta do mesmo número de copias).
Coa súa emisión, finaliza a situación de incapacidade temporal, cesando o pago do subsidio por parte da mutua.
 

Situacións especiais
Comunicación urxente de accidente de traballo
Nos casos de accidentes graves, moi graves, que ocasionen o falecemento do/a traballador/a, e naqueles que afecten a máis de catro/a traballadores/as, a empresa deberá realizar unha xestión adicional. Ademais de cubrir os partes de accidente, comunicarase o feito, no prazo de 24 horas, á autoridade laboral da provincia onde ocorrese o accidente.
A citada comunicación conterá: razón social, domicilio e teléfono da empresa, nome dos/as accidentados/as e a descrición do accidente, así como o lugar onde ocorreu.
Para notificar a devandita comunicación poderá utilizarse o Sistema de Declaración Electrónica de Accidentes de Traballo (Sistema Delt@).
En caso de urxencias vitais e accidentes graves:
Chame inmediatamente ao Teléfono de Emerxencias 112 ou á Liña de Atención Telefónica Integral 24 horas, 900 23 33 33, que atende e xestiona as urxencias médicas por accidente de traballo e enfermidade profesional, tanto en España como no estranxeiro. Para solicitar asistencia no estranxeiro deberá chamar a través do número +34 91 744 51 01.
O persoal doutras mutualidades deberá dirixirse aos centros establecidos no cadro médico que lle corresponda segundo a súa mutualidade co talón/ tarxeta.