INSTRUCIÓNS OPERATIVAS

Electricidade estática

O obxecto deste artigo é dar a coñecer como se xera a electricidade estática, así como os problemas derivados dela, e como evitala, centrándose principalmente nos traballos de oficina.

Que é a electricidade estática?

Toda a materia está composta por átomos e estes por partículas máis pequenas, entre estas están os electróns (que teñen carga negativa) e os protóns (con carga positiva).

Algúns tipos de materiais están compostos por átomos que perden con máis facilidade os seus electróns e estes poden pasar dun átomo a outro. En termos sinxelos, a electricidade non é outra cousa que electróns en movemento, cando estes se moven créase unha corrente eléctrica, isto é o que sucede nos cables que a transportan. Os materiais condutores permiten o paso das cargas eléctricas, mentres que os illantes a obstaculizan.

Falamos de corrente eléctrica cando os electróns flúen a través dun condutor, pero cando se xeran cargas eléctricas e estas non flúen a través dun material condutor entón os corpos acumulan carga. Isto é o que se denomina electricidade estática.

Os corpos cargados con cargas de igual signo (-),(-) ou (+),(+) vanse repeler mentres que os corpos cargados con signo diferente (+),(-) atráense.

Como se pode xerar a electricidade estática e descarga?

Ata agora indicamos como os corpos poden adquirir carga pero estas cargas só se van acumular cando se trata de materiais non-condutores ou ben de corpos condutores illados.

De producirse unha continua acumulación de cargas nun corpo sen que estas se disipen ou fluan a outros corpos, ao poñerse este en contacto cun material condutor producirase unha descarga que pode ser de maior ou menor intensidade en función da cantidade de carga acumulada, polo que se poderá incluso xerar unha chispa visible e audible.

Dado que o corpo humano é un bo condutor pódense dar dúas situacións:

  1. Que actúe como medio condutor (cable eléctrico) permitindo o tránsito de carga eléctrica dun corpo cargado a terra;
  2. Se se atopa illado (por exemplo con calzado de goma), pode acumular carga electrostática que se disipará ao poñerse en contacto con algún elemento posto a terra (porta, armario, outra persoa...)

En ambas situacións, a persoa percibe unha descarga eléctrica posto que o seu corpo é percorrido por unha intensidade de corrente.

Electricidade estática nas oficinas

Hai diversas situacións en que se poden xerar cargas electrostáticas nas tarefas propias do traballador de oficina como poden ser:

  1. Por fricción dos tecidos da cadeira e o da nosa propia roupa, ao sentar e levantarse de cadeiras de traballo.
  2. Por contacto con equipos que xeran cargas electrostáticas no seu propio funcionamento (fotocopiadoras, impresoras..), monitores de ordenador ou televisión convencionais, pequenos electrodomésticos con mala conexión a terra, etc.

Estas cargas electrostáticas poden acumularse nas persoas, en maior ou menor cantidade, segundo os seguintes condicionantes:

  1. Polo tipo de roupa que utilicemos: a roupa con baixa condutividade (isto pasa con fibras sintéticas, la, seda) vai favorecer a acumulación de cargas.
  2. Polo tipo de calzado: as solas de coiro son mellores condutoras da electricidade evitando a acumulación de carga, mentres que as de goma son máis illantes favorecendo a súa acumulación.
  3. Polas propias características físicas das persoas: sudación, estado da súa pel (seca, húmida).
  4. Pola baixa condutividade dos pavimentos. Esta baixa condutividade pode ser debida á propia natureza do mesmo pavimento ou como consecuencia de enceralos.
  5. Pola humidade ambiental. Os ambientes con humidade relativa alta (superiores ao 50 ou 60%) son bos condutores da electricidade, as cargas non se acumularían na persoa xa que se disiparían a través do aire que, neste caso, sería un bo condutor.

A persoa non percibirá ningún efecto pola acumulación da carga electrostática, pero si cando se produza a súa descarga a terra, ben ao tocar un material condutor (unha porta ou un estante metálico), un elemento posto a terra, ou incluso outra persoa e poderase percibir ou ouvir un estalo ou unha chispa.

Perigos ocasionados pola electricidade estática

O perigo máis destacable ocasionado pola electricidade estática é o de incendio e explosión cando se traballa en atmosferas explosivas como son lugares de carga e descarga de camións cisterna con líquidos inflamables ou en lugares onde se almacenan líquidos inflamables, ou en procesos produtivos onde se xeran ou procesan néboas, vapores, gases ou pos combustibles. Neste tipo de actividades, o risco contrólase rigorosamente con equipos, métodos de traballo e calzado ou roupa especiais.

Nos ambientes de oficina non se pode falar de situacións de perigo, no entanto cando se dan as condicións anteriormente expostas (acumulación de cargas sen que estas se poidan disipar), pódense producir con certa frecuencia chispazos ou descargas eléctricas que poden ir dende a molestia a incluso dor en función da intensidade da descarga. Estes “toques” daranse ao tocar calquera material condutor e, ás veces, incluso ao tocar outra persoa.

Como se pode evitar que se produzan as molestas descargas relacionadas coa electricidade estática?

Todas as medidas dirixidas a incrementar a condutividade, tanto das superficies, como do aire favorecerán a disipación das cargas co cal este fenómeno non sucederá. Entre estas cabe destacar:

  1. Manter os niveis de humidade relativa no aire por enriba do 50%. Esta é unha das medidas máis importantes xa que deste xeito o aire é un bo condutor da electricidade e impide a acumulación de cargas nas persoas, que, como xa se dixo, son á súa vez boas condutoras da electricidade.
    Cómpre dicir a este respecto que os sistemas de climatización no inverno collen o aire do exterior e quéntano facendo diminuír a humidade relativa, isto pode facer que este problema se presente con maior frecuencia no inverno.
    Actuacións para aumentar a humidade relativa:
    • Introducir plantas ornamentais naturais: estas elevan a humidade ambiental ao transpiraren as súas follas enviándolle vapor de auga ao ambiente.
    • Poñer recipientes con auga enriba dos radiadores ou colgados deles (se estes o permiten).
    • Recorrer aos humidificadores de aire. Se se toma esta opción, deberémonos asegurar do seu mantemento correcto (instrucións do fabricante) para que estes non sexan unha fonte de contaminación biolóxica do ambiente (fungos e bacterias).
    • Nos lugares de clima húmido favorecer a ventilación natural, cando for posible.
  2. Mellorar a condutividade dos pavimentos. Algúns tipo de materiais utilizados como revestimento do chan son pola súa propia natureza mellores condutores (baldosa, formigón), mentres que os formados por polímeros ou as moquetas tenden a acumular cargas con maior facilidade. De todas maneiras existen no mercado pavimentos compostos por polímeros (como PVC) fabricados con aditivos que os converten en bos condutores. Cando debamos instalar novos revestimentos nas oficinas, deberiamos consultarlle ao fabricante as súas características de condutividade.
    Actuacións dirixidas a aumentar a condutividade do chan:
    • Pódese mellorar a condutividade dos pavimentos utilizando produtos comerciais antiestáticos que o que fan é crear unha capa condutora na súa superficie.
    • Débense aplicar refregando cunha mopa ou pano antiestático e realizando un tratamento periódico (xeralmente semanal).
  3. Como medida complementaria ao aumento da humidade e aos aditivos engadidos aos produtos de limpeza pódense colocar alfombras antiestáticas (debidamente conectadas a terra) debaixo de equipos como fotocopiadoras e mobiliario metálico para descargarnos polos pés antes de tocar as partes metálicas coas mans.
  4. Lembrar o dito anteriormente sobre o tipo de roupa e calzado que utilicemos que pode tamén contribuír á acumulación de cargas nas persoas.

Débese ter en conta ademais que calquera máquina no seu funcionamento é normal que xere cargas eléctricas que, cando existe unha boa conexión a terra, non se van acumular. É importante pois, en oficinas onde se presente este problema, revisar a adecuada conexión a terra das fotocopiadoras, impresoras e demais equipos presentes.