INSTRUCIÓNS OPERATIVAS

Fumigacións

Co obxecto de previr riscos laborais derivados da aplicación de tratamentos DDD (desinfección, desinsectación e desratización) con praguicidas en locais de traballo, a persoa responsable do centro terá en conta os seguintes aspectos á hora de realizar un tratamento..

Requirimentos que lles hai que esixir ás empresas que efectuarán a fumigación

As empresas que procedan a efectuar a fumigación deberán cumprir cos seguintes requisitos:

Deberán facilitar un documento, asinado pola Xerencia ou Dirección da empresa onde consten os seguintes puntos:

  • Que a empresa contratada ou subcontratada está inscrita no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas da Comunidade Autónoma (Orde do 8 abril 1996). Indicarase o número de rexistro e a data de inscrición.
  • Os produtos praguicidas que as empresas utilizan nestes tratamentos deben estar autorizados polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (Real decreto 3349/1983).
  • O persoal das empresas de control de pragas que realizan aplicacións de praguicidas debe estar en posesión do carné de aplicador de tratamentos DDD (desinfección, desinsectación, desratización) que se imparte polos organismos competentes da comunidade autónoma ou as entidades autorizadas por estas. As ditas persoas deberán dispor do correspondente carné de capacitación para utilización de praguicidas expedido pola autoridade da comunidade autónoma (Orde do 30 de xullo 1997).
  • A persoa responsable do tratamento debe ter o carné de aplicador de tratamentos DDD de nivel cualificado.
  • O persoal auxiliar do tratamento debe ter o carné de aplicador de tratamentos DDD de nivel básico.

 

A empresa adxudicataria debe facilitar un breve informe previo que recollerá todos os aspectos detallados do tratamento que vai realizar onde se especifique:

  • Nome da empresa
  • Número de inscrición da empresa no rexistro da comunidade autónoma
  • Nome comercial e número de rexistro dos produtos que se van utilizar
  • Sistema de aplicación dos tratamentos
  • Áreas ou zonas obxecto do tratamento
  • Medidas de prevención que se deben tomar antes, durante e despois do tratamento
  • Prazo de seguridade do praguicida que se vai utilizar
  • Data na que se efectuará o tratamento, indicando a hora de inicio e de finalización prevista (acordadas conxuntamente entre a empresa aplicadora e a persoa responsable do local)
  • O nome da persoa responsable do tratamento e do persoal auxiliar que interveña, coas datas de expedición dos seus carnés de aplicadores
  • Achegaranse as fichas de datos de seguridade de todos os produtos usados

 

Obrigas de información ao persoal

É necesario asegurarse de que a información que se especifica a continuación lles chegue a todas as persoas que traballen no centro ou sexan usuarias deste.

  • Comunicarase e informarase por parte da persoa responsable do local e por escrito, coa antelación suficiente a todos os traballadores e traballadoras do centro, dos postos e das estancias que se van tratar, as datas e as horas de aplicación, así como o tratamento que se vai realizar e todas as medidas preventivas establecidas.
  • O persoal traballador deberá coñecer os prazos de seguridade e estará obrigado a respectalos (o prazo de seguridade e o tempo mínimo que debe transcorrer desde que se aplicou o praguicida ata que se pode volver a entrar ao local tratado, despois de ventilalo).
  • Comunicaráselles tamén a todos os traballadores e traballadoras das empresas alleas, que teñan o lugar de traballo neste centro onde se realiza a aplicación (atención ao persoal de limpeza, seguridade e mantemento) toda a información do protocolo de aplicación, do día, e a hora da aplicación e dos tempos e as medidas de seguridade.
  • Comunicarlle á empresa encargada da limpeza que, despois da aplicación, as superficies tratadas non se poden limpar con lixivia e outros produtos químicos, nin tampouco utilizar vaporetas.
  • As limpezas realizaranse con auga a temperatura ambiente e sempre coa utilización dos equipos individuais necesarios.

 

Recomendacións preventivas

O día da aplicación

  • Antes de realizar a aplicación é necesaria a autorización previa da persoa responsable do centro.
  • Revisaranse todas as estancias antes de comezar a aplicación co fin de verificar que non haxa persoas, traballadores/as e usuarios/as na instalación.
  • En ningún caso o/a aplicador poderá cambiar a composición dos produtos que foron aprobados con anterioridade ao inicio do tratamento.
  • En ningún caso se poderán mesturar os praguicidas.
  • Precintaranse as áreas tratadas e poranse rótulos que indiquen o prazo de seguridade, é dicir, as horas durante as cales non se pode entrar.
  • No período de aplicación só, e exclusivamente, estará presente a persoa que realice a aplicación.
  • Controlarase que os lugares de traballo estean pechados ata que se cumpran os períodos de seguridade, de maneira que non poida entrar ningunha persoa.
  • Manterase pechado o sistema de aire acondicionado para evitar que as substancias químicas se distribúan a outras estancias.

 

Despois da aplicación

  • Definiranse as persoas que actuarán na ventilación e limpeza do centro de traballo, unha vez que pasou o tempo de seguridade que marcan as fichas do produto utilizado.
  • No caso de realizar a limpeza e ventilación o persoal traballador do propio centro de traballo facilitaráselles a información, formación e equipos de protección individual necesarios para realizar ditas tarefas.
  • No caso de que ditas tarefas de limpeza e ventilación as realice unha empresa subcontratada, controlarase que se cumpran as medidas de seguridade e se usen os equipos de protección individual correspondentes.
  • Transcorrido o período de seguridade garantirase unha ventilación suficiente da área tratada, na que todo o aire debe ser renovado por completo. A ventilación é unha actividade que debe ser planificada coñecendo:
    • Persoa responsable.
    • Como se realizará a ventilación.
    • A que hora debe iniciarse.
    • Canto tempo debe permanecer ventilando.
    • No caso de que sexa necesaria a utilización de medios mecánicos de ventilación, é importante garantir que o aire extraído non sexa recirculado.
    • Despois do tratamento, a empresa que realice este, deixará documentación escrita sobre as actuacións realizadas (certificado de tratamento), que como mínimo especificará:
      • Praguicidas utilizados: nomes comerciais e cantidade aplicada.
      • Tipo de tratamento (técnica, medios e métodos de aplicación).
      • Dependencias tratadas.
      • Data e hora de inicio e finalización do tratamento.
      • Prazos de seguridade do praguicida.
      • Medidas de precaución e de seguridade que hai que tomar despois do tratamento.
      • Nome e sinatura da persoa responsable técnica do tratamento.
      • Nome e sinatura da persoa responsable do local.

 

Pasos a seguir en caso de accidente

Os síntomas para identificar un accidente por intoxicación de praguicidas son os seguintes:

  • Forte cheiro no ambiente.
  • Unha serie de síntomas físicos nos afectados:
  • Sabor metálico na boca
  • Formigo arredor dos labios e a lingua
  • Sarabullos na pel
  • Lagrimexos e proído nos ollos
  • Dores de cabeza
  • Sensación de afogo
  • Dificultade para respirar

 

Unha vez que ocorre un accidente con produtos praguicidas é necesario actuar dunha maneira correcta. A continuación especifícanse os pasos que hai que seguir en caso de accidente (P.A.S.):

  • Non deixar entrar a ningunha persoa ao centro de traballo ata que o risco de intoxicación desapareza totalmente.
  • Avisar: disporase dos seguintes teléfonos de urxencia:
    • Servizo de Información Toxicolóxica do Instituto Nacional de Toxicoloxía, que pode informar sobre os prazos de seguridade e toxicoloxía dos produtos. Teléfono 91 562 04 20.
    • Emerxencias Galicia: 112
    • Teléfono da empresa aplicadora.
    • Teléfono do Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia: 981 544 900
  • Socorrer á persoa accidentada e aplicarlle as medidas sanitarias recomendadas na etiqueta de seguridade do produto (polo tanto ten que estar á disposición dos traballadores e traballadoras e persoal responsable).
  • Trasladaranse as persoas accidentadas a un centro sanitario para o seu tratamento e observación. Levaranse as etiquetas de seguridade do produto utilizado e entregaránselle ao persoal facultativo que realice a exploración á persoa accidentada.