Xunta de Galicia

Prestación económica por risco durante o embarazo e a lactación natural

OUTROS PROCEDEMENTOS  

Prestación económica por risco durante o embarazo e a lactación natural

Formulario de avaliación de riscos no posto de traballo para solicitar a prestación por risco durante o embarazo ou a lactación natural
ODT ODT (145 Kb) - DOCX DOC (173 Kb) - PDF  PDF  (222 Kb)

A Disposición Adicional Décimo Oitava da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, deu unha nova redacción aos artigos 134 e 135 do Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, relativos á prestación por riscos durante o embarazo ou a lactación natural.

Ámbito de aplicación

Atopámonos ante un protocolo que só será de aplicación a embarazos de mulleres sas (suspensión de contrato e prestación por risco durante o embarazo) quedando excluídos os embarazos de riscos ou aquelas outras situacións que, con orixe non profesional, puidesen incidir no embarazo ou lactación (incapacidade temporal por enfermidade común).

Terán dereito a esta prestación:

  • As traballadoras por conta allea do Réxime Xeral da Seguridade Social e dos Réximes especiais da Seguridade Social.
  • As traballadoras autónomas e traballadoras por conta propia dos sectores do mar e agrario.
  • As traballadoras da Administración do Estado e o persoal estatutario dos Servizos de Saúde.

Concepto

O risco durante o embarazo e lactación natural son situacións nas que se atopan as traballadoras que, debendo cambiar de posto de traballo por outro compatible ao influír este negativamente no seu estado de saúde ou na do feto, non sexa posible quedando o contrato en suspenso nos termos establecidos no artigo 26.3 da Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Esta situación deberá ser acreditada pola entidade xestora (colaboradora) coa que a empresa ten concertados os riscos profesionais.

Cantidade a percibir

A prestación económica por riscos durante o embarazo consiste no abono dun subsidio equivalente ao 100% da base reguladora do accidente de traballo do mes anterior ao inicio da prestación e non se require un período mínimo de cotización á Seguridade Social ao considerarse continxencia profesional.

Competencia

O recoñecemento e abono das prestacións correspóndelle á entidade que xestiona as continxencias profesionais que na maior parte das empresas corresponde ás Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais asociadas á empresa. No caso de que a xestión non lle competa a ningunha Mutua, esta prestación será xestionada polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), que ata a Lei 3/2007 era o encargado de xestionalas.

Efectos

A suspensión do contrato da traballadora por riscos durante o embarazo ou lactación natural exonera das obrigas de traballar (traballadora) e remunerar (empresario/a).

Durante esta situación o/a empresario/a está obrigado/a a continuar coa cotización da traballadora á seguridade social.

Tamén implica a reserva do posto, polo que a traballadora poderá incorporase ao seu posto de traballo.

Será nulo o despido durante o período de suspensión do contrato por risco durante o embarazo e lactación, salvo que neses casos se declare a procedencia por motivos non relacionados co embarazo e a lactación natural.

Duración

  • A prestación por risco durante o embarazo comeza o día no que se inicia a suspensión do contrato e finaliza o día anterior ao que se inicie o permiso por maternidade tras dar a luz ou o día da reincorporación da traballadora a un posto compatible co seu estado sempre que proceda.
  • A prestación por risco durante a lactación natural terá unha duración máxima ata que o/a fillo/filla cumpra os 9 meses ou cando a traballadora se incorpore ao seu posto, por desaparecer o risco que motivou esta situación, ou a outro posto compatible co seu estado na empresa.

 Extinción

  • Por extinción do contrato de traballo por causas legais.
  • Por causar baixa no réxime da seguridade social.
  • Falecemento da beneficiaria.
  • Cando a beneficiaria actuase fraudulentamente para obter ou conservar o subsidio.

Conclusión

A prestación económica por risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural trata de protexer a saúde das mulleres traballadoras, do feto e do/a recén nacido/a, así como de cubrir a perda producida durante o período de suspensión do contrato debido a que durante esta situación a traballadora se atopase cunha perda de ingresos.

Ligazóns relacionadas