Petición de recoñecemento médico

A vixilancia da saúde consiste na observación do estado de saúde do persoal traballador en función dos riscos inherentes ao seu traballo.

De acordo co disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, os/as empresarios/as deben garantir ao conxunto dos traballadores/as ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.

No ámbito da Administración autonómica, é función do Servizo de Prevención de Riscos Laborais realizar, entre outras funcións, esa vixilancia da saúde dos empregados e das empregadas públicos/as da Administración xeral da Xunta de Galicia. Segundo o definido na Orde do 25 de marzo de 2009 pola que se publican os procedementos de vixilancia da saúde, avaliación de riscos e xestión de emerxencias do Plan de prevención de riscos laborais da Administración xeral da Xunta de Galicia, esta vixilancia debe comprender:

  • Historia clínica en función dos riscos inherentes ao traballo
  • Exploración clínica que comprenderá o control da visión, espirometría, otoscopia, audiometría e electrocardiograma
  • Analítica de sangue e de urina
  • Exame médico para mulleres que comprenderá: estudo citolóxico, exploración mamaria e mamografía, se procede
  • Proba específica para homes maiores de 50 anos: determinación do antíxeno prostático en sangue (PSA)

A vixilancia da saúde só pode levarse a cabo cando a traballadora ou o traballador presten o seu consentimento, agás os casos previstos na lei de carácter obrigatorio. Ademais, para a realización dos recoñecementos médicos teranse en conta os riscos laborais presentes nos postos de traballo, para o que contará coa información ao respecto dispoñible: avaliacións de risco, resultados das investigacións de accidentes e enfermidades profesionais.

As medidas de vixilancia e control da saúde dos traballadores serán desenvolvidas por persoal sanitario cualificado e os resultados dos informes médicos trataranse de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, polo que se entregarán persoalmente en soporte papel ou telematicamente logo do consentimento do/a traballador/a.

As conclusións que deriven dos recoñecementos efectuados en relación coa aptitude das traballadores e traballadores para o desempeño do posto de traballo serán comunicadas ás persoas responsables do departamento ou centro de traballo.

Convocatoria periódica

Periodicamente, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes garántelle ao persoal traballador a vixilancia e control do estado da súa saúde mediante a publicación no DOG, ou calquera outro método que facilite a difusión, da convocatoria do anuncio dos recoñecementos médicos.

A solicitude faise de forma individualizada conforme estableza a convocatoria e, coa aplicación aquí dispoñible, xérase un xustificante de solicitude que debe presentarse debidamente cuberto e asinado ao persoal sanitario no momento da cita no centro médico que corresponda.

Para a campaña de 2024 o prazo de inscrición está aberto do 2 de febreiro ao 2 de xuño.

Contactos relacionados

Servizo de Prevención de Riscos Laborais. A Coruña

Teléfono:

981 182 362

Servizo de Prevención de Riscos Laborais. Lugo

Teléfono:

982 294 886

Servizo de Prevención de Riscos Laborais. Ourense

Teléfono:

988 386 791

Servizo de Prevención de Riscos Laborais. Pontevedra

Teléfono:

986 805 295

Servizo de Prevención de Riscos Laborais. Santiago

Teléfono:

981 544 900