Xunta de Galicia

Xeración e presentación de solicitudes para as listas de contratación temporal

Esta aplicación permitiralle xerar todas as solicitudes normalizadas para as listas de contratación temporal e presentar telematicamente as solicitudes que teñan habilitada esta funcionalidade.

Contactos relacionados

  • Dúbidas técnicas sobre a aplicación informática

    Teléfono: 881 999 883 ; Fax: 981 545 225
    Correo-e: soporte.rrhh@xunta.gal

  • Información e resolución de dúbidas

    Teléfono: 881 995 460

 

 

Inclusión nas listas

O procedemento para a cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo, tanto daqueles reservados a persoal funcionario das administracións xeral e especial, como os reservados ao persoal laboral, mentres non se procede á súa cobertura con carácter definitivo vén regulado polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48 do 9 de marzo de 2006), modificado polo Decreto 124/2016, do 8 de setembro (DOG núm. 178 do 19 de setembro), polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

 

Documentación que se debe presentar

Os documentos que deberán presentar as persoas interesadas para a inscrición nas listas de provisión temporal son os seguintes:

1. Solicitude de inscrición debidamente cuberta. O modelo de solicitude de inscrición nas listas de contratación temporal e nomeamento de persoal interino estará a disposición dos interesados, a partir do 1 de marzo, nesta mesma páxina. Esta solicitude deberá ser presentada nos rexistros da Xunta de Galicia ou demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común, xunto co resto da documentación requirida. 

2. Impreso de pagamento da taxa. Segundo o disposto no anexo I  da Lei 6/2003, do 9 de decembro de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Lei 1/2017, do8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, o importe da taxa por inscrición nas listas para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo na Administración da Comunidade Autónoma é, para o ano 2017, de 17,15 €.

De acordo co establecido no artigo 23 da Lei 6/2003, de  9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia estarán exentas do pagamento da taxa para a inscrición nas listas de contratación:

  • Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33%. Esta circunstancia acreditarase coa copia compulsada do certificado de discapacidade ou da resolución pola que se declara a incapacidade permanente total.
  • Persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. No caso de membros de categoría xeral terán unha bonificación do 50%. Este extremo acreditarase coa copia compulsada do título de familia numerosa.
  • As persoas que figuraren como demandantes de emprego dende, polo menos 6 meses antes á data de convocatoria. Será requisito para o goce da exención do 50% do importe da taxa que non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A acreditación desta situación farase coa certificación expedida pola oficina de emprego na que conste que a/o aspirante figura como demandante de emprego dende, polo menos, o 1 de setembro de 2016 ata a data da súa solicitude e que na data da solicitude non percibe prestación ou subsidio por desemprego. 

3. Certificado debidamente compulsado do grao de coñecemento do idioma galego.

4. Fotocopia, debidamente compulsada, que acredite a titulación requirida e os demais requirimentos da lista.

5. Fotocopia do DNI. De conformidade co Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, non será necesaria a presentación da fotocopia do DNI xunto coa instancia de inclusión nas listas, sempre e cando o interesado manifeste na súa solicitude o seu consentimento expreso para que o órgano competente poida acceder á comprobación dos seus datos de identidade.

 

Información importante para o correcto funcionamento da aplicación

Para que a aplicación funcione correctamente en Internet Explorer debe escollerse o nivel de seguridade medio-alto.

Accedendo ao menú Ferramentas>Opcións de Internet, escoller a lapela "Seguridade" e no "Nivel de seguridade para esta zona" escoller medio-alto. Para presentar telematicamente a solicitude con validación por SMS debe empregar algún teléfono móbil proporcionado nalgunha das súas solicitudes de inclusión, reinclusión ou modificación de datos persoais. O sistema non lle pode proporcionar a información dos seus teléfonos por restricións impostas pola LOPD (Lei Orgánica de Protección de Datos).

Xeración de solicitudes

 

Modificación de datos

As persoas integrantes das listas en cuxo expediente non figure un número de teléfono móbil están obrigadas a comunicalo para poder presentar as solicitudes de modificación de ámbitos ou de datos persoais

Solicitudes de cambio de ámbito ou de datos persoais

As persoas inscritas nas listas que desexen cambiar de ámbito ou modificar os seus datos persoais deberán facelo mediante unha solicitude con presentación electrónica. 

As solicitudes poderán presentarse: 

1. Para cambio de ámbito: no mes de xaneiro de todos os anos; producirán efectos na xestión das listas a partir do 1 de marzo seguinte. 

2. Para cambio de datos persoais: en calquera momento; producirán efectos na xestión das listas dende o día seguinte ao da súa presentación. 

Exceptúase da presentación electrónica obrigatoria a comunicación do número de teléfono móbil, que tamén se poderá presentar en calquera dos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, mediante modelo normalizado que se poderá descargar no portal web corporativo da Xunta de Galicia, www.xunta.gal. 

3. Modificación do teléfono móbil:

Estas solicitudes non electrónicas producirán efectos transcorridos 15 días naturais contados dende a data de presentación. 

Xeración de solicitudes

 

Modificación do concello de empadroamento e actualización de méritos

Só para as categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Pladiga. 

A solicitude de modificación do concello de empadroamento pode presentarse no mes de xaneiro de cada ano, tendo efectos na xestión das listas a partir do 1 de marzo seguinte. Deberá achegarse coa solicitude a copia compulsada do certificado de empadroamento. Esta solicitude poderá afectar á baremación segundo se establece no artigo 9. bis letra b) do Decreto 5/2007.

A solicitude de actualización dos méritos referidos a servizos prestados en concellos e mancomunidades de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables, pode presentarse no mes de xaneiro de cada ano e deberá acompañarse do certificado de servizos prestados no concello ou mancomunidade de municipios.

Xeración de solicitudes

 

Solicitude de suspensión e reincorporación de chamamentos

As persoas integrantes das listas en cuxo expediente non figure un número de teléfono móbil están obrigadas a comunicalo para poder presentar as solicitudes de suspensión e de restablecemento de chamamentos. 

Suspensión indefinida de chamamentos

As persoas integrantes das listas que non estean prestando servizos a través das listas poderán solicitar a suspensión das citacións. A solicitude terá efectos en todas as listas en que estea inscrita a persoa solicitante dende o día seguinte á súa presentación.

O modelo de solicitude estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia e deberá presentarse electronicamente.

Xeración de solicitudes de suspensión

 

Reincorporación de chamamentos

A suspensión manterase en canto a persoa interesada non presente solicitude de reincorporación. A solicitude de reincorporación presentarase electronicamente no modelo que estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia e producirá efectos transcorridos trinta días naturais dende a súa presentación.

Xeración de solicitudes de reincorporación

 

Readmisión automática tras penalización

As persoas integrantes das listas que estean penalizadas e queiran volver a formar parte delas poderán solicitar a reincorporación. A solicitude de reincorporación presentada durante o período de penalización producirá efectos transcorrido o prazo dun ano, que se contará dende a data do feito causante da exclusión. A solicitude presentada con posterioridade ao remate do período de penalización producirá efectos o día seguinte ao da súa presentación. 

A solicitude de reincorporación deberase realizar e presentar electronicamente no portal web corporativo da Xunta de Galicia.

Xeración de solicitudes